A ABE e a Galicia Business School xuntan forzas para achegar formación tecnolóxica ás empresas do Barbanza

luns, 11 de decembro do 2023 S. P.

A patronal boirense (ABE) e a escola Galicia Business School xuntaron forzas para lanzar unha edición do programa Xeración Dixital Pemes: equipos directivos. A iniciativa dará comezo en marzo de 2024. Segundo informan as ditas entidades, trátase dun programa deseñado de maneira específica para directivos de empresas galegas de entre 10 e 249 traballadores, que se está a desenvolver en diversas localidades de Galicia e que por primeira vez executarase na comarca de Barbanza, concretamente en Boiro nas aulas da Asociación Boirense de Empresarios (ABE).
O programa busca “afrontar os desafíos das empresas na era dixital” e “potenciar a competitividade dos seus negocios”. Trátase dunha actividade de balde integrada no Plan Nacional de Capacidades Dixitais.
En virtude de Xeración Dixital Pemes, máis de 30 directivas e directivos da comarca do Barbanza reuniranse para levar a cabo esta formación. As persoas participantes terán oportunidade de aprender de especialistas en transformación tecnolóxica, recibindo conceptos prácticos sobre as ferramentas e coñecementos necesarios para abordar a dixitalización eficiente e efectiva das súas empresas. As persoas asistentes gozarán das sesións presenciais nas instalacións da Asociación Boirense de Empresarios. A formación ten unha duración de tres meses e nela combinaranse xornadas de networking presenciais (40 horas) con presencialidade dixital (106 horas).

PUBLICIDADE