A AEPD condena a creación dun grupo de WhatsApp por parte dun concello

xoves, 14 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de publicar unha resolución na que resolve que o Concello de Boecillo (Valladolid) infrinxiu os artigos 4.2 e 10 da Lei Orgánica de Protección de Datos, tipificadas como infracción grave nos artigos 44.3.c) e 44.3.d) respectivamente pola creación dun grupo de WhatsApp no que incluíron a veciños sen o seu consentimento, o que supón unha dobre infracción por empregar o número de teléfono (dato persoal) dos afectados recollido anteriormente para outras finalidades e compartir indebidamente tal información (xa que todos os membros dun grupo de WhatsApp poden acceder ao número telefónico do resto de integrantes).
Por desgraza este tipo de prácticas por administracións públicas só teñen como consecuencia un apercibimento, cando no caso de particulares ou empresas as sancións poderían chegar aos 600.000 euros. Temos que extraer desta resolución a gravidade que supón a vulneración da LOPD que pode supor a creación de grupos de WhatsApp de xeito indiscriminado, xa que nesa operación estamos a divulgar información de ámbito privado que non sempre quere compartirse, polo que debemos ser máis prudentes, tanto por respecto aos demais como para evitar as elevadas sancións ás que poderiamos ter que enfrontarnos.

PUBLICIDADE