A AEPD tranquiliza á poboación sobre o impacto das balizas V16 na privacidade

luns, 24 de novembro do 2025 Redacción

A partir do 1 de xaneiro de 2026 todos os vehículos deberán levar e empregar a baliza V16 conectada para sinalizar avarías ou situacións de emerxencia na estrada. Ante as dúbidas e desinformacións que están a circular en distintos foros, a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) difundiu unha nota informativa na que explica o funcionamento deste dispositivo e o seu impacto na privacidade dos condutores.
A AEPD lembra que a baliza de presenalización de perigo V16 inclúe unha luz visible e, ao activarse, envía un aviso automático aos sistemas de tráfico indicando a localización do vehículo inmobilizado e un identificador técnico propio. Este identificador non está asociado á identidade de ningunha persoa nin á matrícula, e non existe un rexistro que ligue o dispositivo co usuario que o adquira.
Segundo indica a Axencia, quen compre unha baliza non ten que facilitar datos persoais a ningunha administración, polo que a Dirección Xeral de Tráfico non dispón de información sobre quen adquiriu cada unidade. Ademais, mentres non está en uso, a baliza non transmite ningún dato. Unicamente emite información cando se activa nunha emerxencia e, mesmo nese caso, non permite identificar a quen conduce nin reconstruír desprazamentos, xa que só transmite a posición mentres permanece acesa e deixa de facelo ao apagarse, sen xerar históricos nin comunicacións continuas.
A normativa tamén estabelece que estes dispositivos teñen como única finalidade mellorar a visibilidade dos vehículos accidentados e enviar a súa localización cando se activen, prohibindo expresamente incorporar funcións adicionais que poidan supoñer unha recollida ou tratamento de datos non previsto.
A obrigatoriedade do uso da baliza V16 conectada deriva do Real decreto 159/2021, que regula os servizos de auxilio nas vías públicas, modificado posteriormente polo Real decreto 1030/2022.