A AESIA comeza a súa actividade presencial na Coruña

venres, 14 de febreiro do 2025 S. P.

A Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) celebrou esta mañá o seu consello reitor, coincidindo co inicio da súa actividade presencial na sede de Casa de Veeduría na Coruña. O consello reitor é, xunto coa presidencia, o órgano de goberno da Axencia, ao que corresponde a alta xestión da entidade, así como establecer as súas directrices xerais de actuación. O consello está formado por media ducia de representantes de diversos ministerios, un experto en IA e o director xeral da AESIA. A xuntanza deste 14 de febreiro foi a primeira presencial na Coruña e tivo como obxectivo facer balance dos primeiros meses de actividade e establecer os obxectivos da Axencia para o 2025.
A sesión coincide co inicio da actividade presencial dos traballadores da AESIA na céntrica Casa de Veeduría da Coruña, tras a súa instalación este mes de febreiro. A AESIA dispón dun espazo no 1º andar do edificio, que será a sede temporal da Axencia, mentres se realiza a reforma integral do Edificio da Terraza, destino oficial da AESIA.
Aproveitando a cita, o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, visitou a sede da AESIA na Veeduría, xunto coa secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz que, ademais, é a presidenta da Axencia. Segundo explicaron fontes do Goberno, “trátase dun importante fito para a AESIA; tanto para os seus empregados, que inicialmente desenvolveran as súas funcións na modalidade de teletraballo; como para a propia entidade, que conta xa cun espazo de traballo e colaboración que lle permitirá seguir crecendo e desenvolvendo todas as funcións que lle encomendan a lexislación española e europea”.
Trala aprobación do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial, a AESIA asume un papel crucial na supervisión do cumprimento desta normativa, cuxa finalidade última é a protección do consumidor. A Axencia está chamada a ser, tamén, unha peza fundamental da engrenaxe para avanzar “cara a unha IA confiábel, ética e centrada no ser humano e é pioneira en Europa, un espello no que xa se están mirando outros países”, engadiu o Goberno, apuntando que se trata “dunha institución fundamental para o impulso do ecosistema da IA en España, e, sobre todo, das pemes e as novas firmas innovadoras (startups) con menores recursos, pois a AESIA acompañaraas no cumprimento dos requisitos da nova lexislación e, en xeral, no seu proceso de integración dunha IA segura nos seus procesos”.