A AESIA fai a súa primeira visita institucional ao CiTIUS

luns, 15 de setembro do 2025 S. P.

Ignasi Belda, director da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), visitou a sede do CiTIUS xunto ao seu equipo, nunha cita que constitúe o primeiro encontro institucional entre o organismo pioneiro en Europa e o centro da USC, referente estatal na investigación en IA (Intelixencia Artificial). A visita levouse a cabo o pasado 11 de setembro.
O director da AESIA, Ignasi Belda, acudiu acompañado do seu equipo a unha xornada que comezou cunha presentación xeral do centro a cargo do director científico do CiTIUS, Senén Barro, na que tamén participou a directora adxunta, Paula López. Ao longo da súa estadía nas dependencias do centro da USC, a delegación estivo acompañada polos dous responsables do centro, que guiaron aos membros da AESIA polas distintas paradas previstas no programa da visita.
A comitiva interesouse polos principais proxectos en curso, en áreas como a robótica, a Aprendizaxe Automática, a Realidade Aumentada ou as tecnoloxías da linguaxe. Tamén amosou un especial interese na presentación de iniciativas destacadas como NUMADELIC ou HYBRIDS, que combinan investigación tecnolóxica de vangarda con enfoques transversais e dimensión social.
O percorrido incluíu diferentes laboratorios, entre eles os de robótica, deseño microlectrónico, ou Realidade Virtual, así como unha parada na zona maker do centro.
En cada espazo, o persoal investigador tivo ocasión de explicar as liñas de traballo que se están a desenvolver na actualidade no centro, respondendo así mesmo ás cuestións e curiosidades da delegación, interesada en coñecer de primeira man tanto os avances científicos como as súas posibles aplicacións sociais.
Esta primeira visita institucional pon de relevo o papel do CiTIUS (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027), un dos poucos especializados no ámbito da Intelixencia Artificial en España, en liña co impulso dunha IA ética, sostible e confíabel para a sociedade.