A AETG achega claves para non tolearmos coa Wi-Fi en Sarria e Celanova

luns, 15 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

Botar unha man, achegando pautas e respostas a dúbidas frecuentes, aos cidadáns en materia de posíbeis opcións a elixir para tirar proveito dos servizos de Internet. Este é o gran obxectivo do programa de xornadas itinerantes de asesoramento sobre servizos tecnolóxicos que organizan en outubro a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e máis a axencia autonómica AMTEGA, a través dun convenio recente de colaboración. O programa, que percorre as aulas CeMIT da xeografía galega, chegou os días pasados á súa terceira edición no centro TIC de Sarria, Lugo.
O contido da xornada, que tivo unha duración de dúas horas (ao igual que as restantes xeiras de divulgación programadas), está baseado en conceptos tales como tipoloxía de tecnoloxías de acceso existentes, conexións precisas para os distintos usos de Internet, redes e operadores presentes en Galicia, canles dispoñíbeis para reclamacións, organismos competentes neste ámbito e normativa existente.
A xornada de Sarria, desenvolvida o 10 de outubro e retransmitida por videoconferencia no CeMIT de O Vicedo, contou coa presenza do colexiado Javier Fernández Fraga, o encargado de impartir esta serie de seminarios dirixidos principalmente a técnicos municipais, no que teñen cabida os usuarios de Internet en xeral. Previamente, o día 9, Fernández Fraga acudiu a Celanova para achegar unha sesión divulgativa previa á cidadanía, sendo esta retransmitido a Ortigueira e Guitiriz.

PUBLICIDADE