A AMEGA e a Deputación da Coruña poñen na Rede unha guía didáctica sobre a historia dos medios en galego
venres, 7 de febreiro do 2025
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) vén de lanzar a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un recurso educativo que busca achegar ao alumnado do ensino secundario a realidade do xornalismo na nosa lingua. A publicación, realizada coa colaboración da área de lingua da Deputación, estará dispoñíbel para descarga libre na web da Deputación e será impartida en diversos centros educativos da provincia.
A guía, elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega, Miguel Rodríguez e Brais Ferreiro, e enmarcada dentro do 11º aniversario de AMEGA, estrutúrase en diversas propostas didácticas que combinan o coñecemento histórico cos desafíos actuais da comunicación en galego. A súa metodoloxía fomenta o pensamento crítico do alumnado e promove o uso dos medios en galego como ferramenta transversal na educación.
O material será traballado en centros de diferentes localidades, como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Virxe da Cela (Monfero), permitindo que o alumnado coñeza desde a historia dos primeiros xornais en galego ata a situación actual da prensa, radio, televisión e medios dixitais.
A deputada de lingua, Soledad Agra, sinalou que esta guía “é fundamental para promover o uso do galego especialmente entre a mocidade e en espazos educativos, e tamén nos medios de comunicación, con todo o alcance e impacto que teñen na sociedade”.
Pola súa parte, o presidente de AMEGA, Pablo García Fernández, destacou que esta iniciativa “é un paso máis para fortalecer a presenza do galego nos medios de comunicación e garantir que as novas xeracións valoren e empreguen a nosa lingua tamén no ámbito informativo”.
A guía, que se presenta coincidindo co Día dos Medios en Galego, pon de manifesto "a importancia de crear ferramentas que permitan que a sociedade galega, e especialmente a mocidade, teña acceso a unha información veraz e plural na súa propia lingua".
Toda a información sobre a guía didáctica pode consultarse na web de AMEGA e na da Deputación.