A AMTEGA aproba o seu plan de actuacións para o presente ano

martes, 18 de marzo do 2014 Redacción

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, e Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

O Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), presidido polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, Alfonso Rueda, aprobou esta mañá o seu Plan de Acción 2014, que establece 7 obxectivos estratéxicos que aglutinan 42 programas de acción cun orzamento de 100 millóns de euros.
Na xuntanza do máximo órgano da Axencia, a súa directora, Mar Pereira, indicou que en 2013 cumpríronse o 90% das actuacións previstas para ese ano e un 22% das iniciativas marcadas no contrato de xestión plurianual para 2016. O contrato de xestión plurianual, aprobado o pasado ano, regula a actividade da AMTEGA desde a máxima transparencia, establecendo os plans de actuacións, proxectos e indicadores asociados que son avaliados de xeito anual.
Respecto ás iniciativas previstas en 2014, Mar Pereira explicou que marcarán o inicio da nova estratexia dixital da Administración autonómica, con proxectos tecnolóxicos de calado para mellorar sectores primarios como a pesca ou o eido forestal; servizos públicos de especial relevancia para a cidadanía como a Educación (onde destaca a nova plataforma de libros electrónicos integrada no programa Abalar) ou o Benestar (co desenvolvemento da Historia Social Única); e sectores tractores da economía galega como o Turismo (coa posta en marcha do Plan Smart Turimo, dotado cun orzamento de 10 millóns de euros ata 2016). Ademais, destacou as medidas para o impulso do sector tecnolóxico galego e a posta en marcha do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, que presentarase no primeiro semestre do ano e buscará lograr un servizo integral de dixitalización de toda a cidadanía.

PUBLICIDADE