A AMTEGA incrementa o seu orzamento para 2020 nun 4%

mércores, 30 de outubro do 2019 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) incrementa nun 4% o seu orzamento para o 2020, que ascende a 115.913.010 euros, dos que preto do 70% están destinados a investimentos para consolidar unha Galicia máis dixital e reforzar as súas capacidades para facer fronte aos retos marcados por Europa no 2030. Así o explicou a directora da AMTEGA, Mar Pereira, durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para detallar as contas do seu departamento para o vindeiro ano.
En total, a Axencia pública destinará 79,06 millóns de euros, case un 6% máis que en 2019, a investimentos para completar a dixitalización da administración e da Xustiza, reforzar a dispoñibilidade e seguridade dos servizos dixitais; estender a educación dixital; avanzar na innovación tecnolóxica nos servizos sociais e nos novos mecanismos para a conservación e difusión do patrimonio cultural; modernizar sectores chave como o turismo e a mobilidade; mellorar a conectividade, con especial foco no rural e apoiar a xeración de talento dixital e reforzar as capacidades do sector TIC de cara a vindeira década.

Servizos públicos dixitais

En 2020 a dixitalización dos servizos da Administración e de Xustiza contará cun investimento de máis de 14 millóns. Para dar resposta aos obxectivos marcados na Lei de Administración Dixital de Galicia, abordarase a reformulación da Oficinas de Rexistro en Oficinas de Atención á Cidadanía, na creación da figura do funcionario habilitado e o rexistro de apoderamento ou na aprobación dun marco de competencias dixitais que tomará como referencia o marco europeo.
No ámbito Xudicial, no que xa están en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico, duplicaranse as salas de vistas dixitais, que pasarán de 40 a 90 en 2020, lanzarase una nova versión do visor de expediente xudicial e completarase a implantación da sinatura dixital en todos os órganos xudiciais e nas fiscalías. Vinculado ao anterior reforzaranse a seguridade das telecomunicacións corporativas e duplicarase capacidade de almacenamento do Centro de Proceso de Datos Integral do Gaiás, cun investimento de 2,7 millóns de euros.
No ámbito educativo a AMTEGA destinará 12 millóns de euros á estender e consolidar a educación dixital, integrando no libro dixital un mínimo de 50 centros e superando os 30.000 alumnos con acceso a esta plataforma, que permite o acceso on e offline a todas as materias curriculares, ademais de recursos dixitais innovadores e que dispón dun Soporte Premium 24x7 para toda a comunidade educativa.
Continuaremos aplicando a innovación aos servizos sociais cunha dotación de 2,9 millóns de euros, parte dos cales a estender a Historia Única Social Electrónica (HSUE), que xa conta con máis de 600.000 historias dixitais, coa posta en marcha da plataforma Asiste, que permitirá que calquera cidadán teña dende a través do seu móbil un contacto áxil e directo cos servizos sociais e será, ademais, unha canle a través da que familiares e coidadores teñan acceso seguro a avisos e alertas en tempo real.

Transformación dixital da economía e da sociedade

No 2020 destinarase 1 millóns euros á desenvolver novas medidas do Plan eMobility como a posta en marcha da oficina virtual da mobilidade que permitirá a xestión integral nun único punto e de xeito telemático, da relación entre a administración e o sector do transporte. Tamén se avanzará na incorporación de novos servizos tanto ao Portal (bus.gal) como da aplicación bus.gal, incluíndo a extensión do pago a través da app.
A iniciativa Memoria Dixital de Galicia contará con algo máis de 3 millóns de euros o vindeiro ano para lanzar dunha nova convocatoria de axudas para a dixitalización; poñer en marcha a nova plataforma de xestión do catálogo de patrimonio; estender nas bibliotecas municipais do catálogo colectivo único de rede de bibliotecas de Galicia, (actualmente hai 200), e establecerase o plan de implantación e primeiras fases de execución no caso das bibliotecas escolares.
O Plan Smart Turismo dispón de 2,1 millóns de euros para, entre outras medias, consolidar a xestión electrónica integral da inspección turística; aplicar técnicas de Big Data para coñecer os fluxos turísticos e deseñar estratexias proactivas de turismo sostible; e dotar á rede de oficinas de turismo dependentes da Xunta de Galicia dunha plataforma integral de cartelería dixital.
Para facilitar a capacitación dixital dos galegos a Amtega destinará máis de 1,3 millóns de para ás actividades do Plan de Inclusión Dixital e a Rede CeMIT, que no vindeiro ano impartirá preto de 35.000 horas de formación gratuíta, coa previsión de acadar os 96.000 usuarios, 8.000 máis que este ano.

Impulso ao talento dixital e ao hipersector TIC

Continuar reforzando o ecosistema dixital galego é outro dos obxectivos da AMTEGA para o 2020 que se verá referendado coa aprobación da Estratexia Dixital de Galicia 2030, a nova folla de ruta para o novo período. Un dos instrumentos estratéxicos da EDG2030 será a posta en marcha dunha Rede de Nodos de especialización tecnolóxica que se coordinarán desde o Gaiastech, un espazo de demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas, que facilitará o posicionamento do hipersector TIC galego nas tendencias tecnolóxicas da vindeira década. O Centro estará, situado na Cidade da Cultura, conta cunha dotación de 1 millón de euros para o 2020 e abrirá as súas portas no segundo semestre do ano.
En colaboración con empresas do sector tecnolóxico desenvolverase segunda edición do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2018 – 2020 para reducir a fenda crecente entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital con 37 liñas de actuación das que se beneficiarán ata 6.000 persoas
No marco do programa de impulso aos contidos dixitais DICO Mindset, tras completar o proceso de compra pública innovadora, no 2020 iniciarase o desenvolvemento e pilotaxe, en colaboración coa CRTVG, da plataforma de experiencias tecnolóxicas interactivas, na que se investirá máis de 1 millón de euros.

Conectividade

En 2020, cun orzamento de 3,9 millóns de euros de Fondos FEADER culminaranse os despregamentos de fibra previstos no II Plan de Banda Larga da Xunta 2020 en 615 núcleos de menos de 300 habitantes do rural galego, unha actuación complementaria ás que ten en marcha o Estado e que aseguran unha cobertura de fibra con velocidades de máis de 100Mbps para máis do 80% dos galegos. Unha porcentaxe que se ampliará coas convocatorias pendentes do Estado
Así mesmo, está previsto o lanzamento en 2020 dunha nova actuación en colaboración cos concellos para incentivar novos despregamentos de redes de tecnoloxía móbil, de voz e datos, co obxecto de mellorar a cobertura en zonas de sombra.

PUBLICIDADE