A AMTEGA publica no repositorio de Software Libre da Xunta o código fonte do MapaTIC
luns, 23 de setembro do 2024
A AMTEGA, vén de publicar no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia o código fonte do Mapa de capacidades dixitais de Galicia (MapaTIC) baixo licenza libre. Esta liberación facilita a súa reutilización por parte doutras administracións, con iniciativas similares, dun portal web que achega a oferta de solucións TIC aos posibles demandantes das mesmas.
O MapaTIC é un dos servizos que ofrece o GaiásTech para achegar unha oferta de solucións TIC de Galicia aos posibles demandantes das mesmas, favorecendo así a transferencia de tecnoloxía e coñecemento dentro do propio sector tecnolóxico tamén entre este e o resto de sectores empresariais.
Con máis de 350 entidades e máis de 1400 produtos ou servizos dados de alta, o MapaTIC é o catálogo máis completo e de libre acceso sobre as capacidades do sector tecnolóxico galego.
É un portal pioneiro dentro das administracións públicas lanzado no ano 2012, e do que xa se publicara o código fonte en 2015. Agora publícase en formato libre esta nova versión que supón unha remodelación tecnolóxica total.
Esta liberación do software do MapaTIC vén a completar a dos propios datos que recolle e que están dispoñibles a través dunha API aberta que foi xa posta a disposición fai algúns meses no portal Abertos. Deste xeito quedan dispoñibles para a súa reutilización tanto os datos como o software que permite a posta en marcha dunha iniciativa similar. Xunto coa liberación do Mapa, liberouse tamén o código fonte completo do portal do GaiásTech, ambos baseados na solución de software libre Drupal.