A AMTIC de Milladoiro mergulla á veciñanza nas posibilidades da eAdministración

martes, 29 de outubro do 2024 S. P.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación de Milladoiro (Ames) pon en marcha un novo obradoiro de Administración Electrónica (eAdministración), que está dirixido a persoas maiores de 18 anos interesadas en aprender ou mellorar en diferentes procesos ou tarefas, diarias relacionadas con trámites de administración electrónica. Para poder participar os participantes deben ter un nivel básico de informática, pero tampouco é excluínte non telo para poder inscribirse.
Esta actividade ten unha duración de 8 horas. Impartirase os días 27 e 28 de novembro e o 4 e 5 de decembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas. A través desta obradoiro farase unha introdución ao rexistro e uso de ferramentas de identificación coma DNIe, certificado dixital da FNMT, cl@ve e chave365, sinatura dixital, sede electrónica da Xunta e do Concello de Ames. Tamén se fará unha introdución ás páxinas da AEAT, DGT, SERGAS, SEPE, así como a Netiqueta e identidade dixital.
Aula Aberta
As persoas que así o desexen poden facer uso da Aula Aberta tendo a súa disposición os equipos informáticos para o que precisen e ademais contan coa axuda e asesoramento das persoas encargadas e docente das formacións que se imparten. O horario de Aula Aberta é de luns a venres, de 10:00 a 12.30h e de 16.00 a 20.00 horas, agás nas horas de formación. Ademais, durante o horario de Aula Aberta pódese consultar a información sobre as formacións ofertadas na AMTIC e no rural de Ames ou inscribirse de forma física cubrindo o formulario alí mesmo.
Inscricións
As inscricións poden realizarse na Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, sitiada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta, de luns a venres de 10:00 a 12:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas (agás nas horas de formacións), enviando a ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@gmail.com, ou chamando ao teléfono 674 594 843, en horario de luns a venres de 9:30 a 14:00 horas.