A API de Google Hangouts deixará de funcionar a finais de abril

martes, 10 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Imaxe dun Hangout en directo protagonizado polo presidente Obama

A plataforma de videoconferencia de Google dende 2012, Hangouts, leva uns meses en proceso de desintegración, e tras eliminar os Hangouts en directo trasladando aos usuarios a YouTube Live, agora anuncian o peche da API de Hangouts o vindeiro 25 de abril, de xeito que as aplicacións que fan uso desta plataforma deixarán de funcionar, segundo podemos ler nas FAQ do servizo.
Dende Google aseguran que a API de Hangouts existían como un complemento de Google+, e agora están reorientando o servizo a usos corporativos, ou sexa, que incluso a versión de escritorio de Hangouts verá reducidas as súas prestacións e, aínda que polo momento non anuncian o peche de Hangouts, tendo en conta que Google está a promover as aplicacións Allo (para conversas) e Duo (para videoconferencias) resulta evidente que Hangouts era unha ferramenta redundante que non parece que vaia gozar de moito apoio por parte de Google no futuro.

PUBLICIDADE