A APTE elixe a dúas empresas galegas da Tecnópole entre as 100 mellores de 2024

luns, 20 de xaneiro do 2025 S. P.

Óscar Barba, David Conde e Juan Carlos López, cofundadores de Coinscrap

Proxectos innovadores en ámbitos punteiros é o que valorou a Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE) nunha listaxe que vén de elaborar para elixir ás 100 mellores startups do ano 2024 situadas nos seus 51 parques científicos e tecnolóxicos, presentes en 15 comunidades autónomas españolas. Nesta nova queremos dar conta das dúas empresas galegas que se atopan nesa listaxe, situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), estamos a falar de: Coinscrap Finance e Madera Plus.
Coinscrap Finance desenvolve ferramentas de microaforro baseadas na Intelixencia Artificial. Trátase dunha fintech, é dicir, unha empresa que achega servizos financeiros a través de medios dixitais e o uso da tecnoloxía. Con vontade de axudar á poboación a mellorar a súa capacidade de aforro sen esforzo a través de apps de microaforro e, desde a súa creación, xa desenvolveron diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira. Nesta liña, apoia aos principais bancos e compañías de seguros europeas na ampliación da súa proposta de valor ás xeracións de clientes máis novos mediante a personalización da súa experiencia dixital e o desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados en datos. Esta plataforma de saúde financeira emprega a Intelixencia Artificial baseándose na economía do comportamento. Así, para o Banco Santander desenvolveu unha hucha
intelixente que axuda aos usuarios a aforrar a través de regras totalmente configurábeis (redondeo, porcentaxe de ingresos, ...) o que permite realizar achegas periódicas para cumprir obxectivos e metas. Con esta ferramenta de microaforro creáronse 100.000 huchas de aforro, o que se traduce en 161 millóns de euros aforrados en menos de dez meses. Na actualidade a empresa conta con máis de 30 empregados directos, dos cales 13 son mulleres. En Latinoamérica xa están presentes en México e buscan expandirse a Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Perú, Puerto Rico e Uruguai.
En canto a Madera Plus Calidad Forestal, é unha empresa que proporciona solucións dixitais para optimizar os recursos ambientais e madeirábeis do monte. Cuantifica as absorcións de dióxido de carbono e emprega algoritmos para avaliar a calidade tecnolóxica da madeira para o seu uso estrutural, realizando tanto medicións indirectas sobre as árbores como sobre a madeira cortada.
A empresa caracteriza a calidade da madeira desde a árbore en pé e a madeira en rolo segundo o seu rendemento final na industria. Para iso empregan diferentes tecnoloxías non destrutivas e achegan diferenciación por calidade tecnolóxica, pegada social e pegada de CO2 á madeira que certifican. Así, benefícianse todos os actores da cadea porque o propietario obtén un maior prezo pola venda da madeira certificada, os rematantes diferéncianse ofertando unha madeira de calidade e recoñecida polo mercado, e, por último, a industria consegue un maior rendemento no procesado de madeira e inclúen no seu produto o balance da pegada de carbono e da pegada social.
Volvendo á APTE, o obxectivo que persegue con esta listaxe é recoñecer ás 100 startups máis salientábeis dos parques científicos e tecnolóxicos españois e poñer de relevo a calidade e capacidade emprendedora que se desenvolve nestas contornas, así como facilitar o coñecemento
destas empresas a posíbeis entidades investidoras interesadas en proxectos de alto crecemento. Nesta liña, estas startups terán un protagonismo especial durante a vindeira edición do Foro Transfiere (o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento, que conecta a todo o sistema español de innovación e impulsa a súa proxección internacional) que terá lugar en Málaga no mes de marzo e onde as firmas poderán manter reunións con potenciais clientes e investidores.