A ASCM lanza a primeira xincana turístico-dixital inclusiva do Camiño Inglés

venres, 16 de setembro do 2022 S. P.

A ASCM leva anos traballando pola accesibilidade do Camiño Inglés (foto de Enfoques.gal)

Co obxectivo de achegar o Camiño Inglés a persoas con mobilidade reducida, así como de ofrecer novas experiencias turísticas aos visitantes, a Asociación Sociocultural ASCM (con sede en Ferrol) lanzou unha nova xincana turística que transcorre polos municipios de Narón e Neda. Esta iniciativa consiste en percorrer un treito do dito Camiño “dunha forma diferente, respectuosa e divertida”, sinalan dende a asociación engadindo que “mentres seguimos o percorrido marcado, coa axuda dun smartphone iremos recibindo información sobre os puntos que imos visitando”.
Esta información recolle datos históricos, etnográficos e curiosidades de cada punto visitado. Porén, explican dende a ASCM, o visitante non poderá avanzar ao obxectivo seguinte do itinerario ata que non resolva unha pregunta ou enigma relacionado co punto en cuestión. “Isto obrigaranos a fixarnos en detalles que nos adoitan pasar inadvertidos, a contemplar, gozar e aprender de cada lugar recolleito nesta ruta”, engaden.
O percorrido autoguiado discorre por un trazado adaptado ás persoas con discapacidade, ademais conta cun sistema de audioguía, co que “se converte na primeira xincana turística dixital inclusiva no noso país, podendo ser gozada por calquera tipo de público”.
A experiencia atópase dispoñíbel na plataforma Guiaventuras.com e non é necesario descargarse ningunha aplicación móbil. Esta actividade é completamente gratuíta para o usuario, que non ten que facer reservas, dar datos persoais, ou afacerse a un horario fixo “xa que está dispoñíbel as 24 horas ao día os 365 días do ano”, sinalan dende a ASCM, engadindo que tamén se pode acceder á xincana escaneando un código QR que se incluirá nos carteis correspondentes.

PUBLICIDADE