A Academia Galega da Língua Portuguesa estrea web

martes, 1 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) vén de pór en marcha a súa nova páxina web oficial, academiagalega.org, un espazo con feitura de blog no que se aposta polo contido directo, a sinxeleza nos recursos dispostos e a busca de recursos útiles que permitan un contacto máis estreito coa comunidade internauta galego-portuguesa. O novo sitio inclúe novas (ocupando o maior espazo da pantalla e incorporando unha boa cantidade de material multimedia para completar a información), datos sobre obxectivos e liña de traballo da Academia, eventos (axenda), publicacións, estatutos e ligazóns a entidades irmás.
Amais disto, tamén se achega a posibilidade de facer buscas ou de procurar información relacionada coas novas incluídas. Cómpre lembrar que a Academia, unha entidade para recuperar e pór en valor o patrominio lingüístico e literario galego-portugués, ten o seu xermolo en decembro de 2007, máis polo miúdo en Santiago de Compostela, onde se deu cita un importante equipo de apoios (docentes, avogados, editores, empresarios e escritores) para darlle forma á Asociación Cultural Pró Academia Galega da Língua Portuguesa, miolo da Academia. Ao longo deste tempo, e tal e como temos reflectido na nosa web, a entidade ten dado mostras dun claro interese por tirar o máximo partido das novas tecnoloxías, e non só coa publicación na Rede do Léxico da Galiza (conxunto de termos procedentes da nosa lingua aos que dende a Academia se pretende popularizar e evitar, en moitos casos, que se extingan pola influenza do castelán).

PUBLICIDADE