A Administración galega traballa para que as mulleres lideren o coñecemento e a investigación
venres, 11 de febreiro do 2022
A conselleira de Emprego e Igualdade, María
Jesús Lorenzana, presidiu hoxe o pleno da Unidade Muller e Ciencia, ante o
que referendou o compromiso da Xunta para “garantir a igualdade no eido da
investigación e da universidade” coincidindo coa conmemoración do día
internacional da muller e da nena na ciencia. No acto lembrou que Galicia é
“punta de lanza” por contar coa chamada
lei Ángeles Alvariño apoiada unanimemente polo Parlamento, que introduce
medidas para que a maternidade ou a conciliación non penalicen as carreiras das
científicas.
“Estamos a traballar para que as mulleres ocupen o verdadeiro
lugar que lles corresponde, liderando o
coñecemento e a investigación en todos os seus ámbitos”, afirmou a conselleira,
quen reivindicou o traballo constante da Unidade Muller e Ciencia para
incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico de
Galicia. Nesta liña indicou que o III Programa Muller e Ciencia (2021-2025), que
inclúe como novidade o seu carácter participativo, está a punto de ver a luz.
O III programa terá como eixos principais dar
visibilidade a labor e traballo das mulleres na ciencia e na tecnoloxía; apoiar
a igualdade no acceso e promoción a estas carreiras; promover a igualdade nas
institucións e nas empresas; e facer seguimento e avaliación. Estes obxectivos,
tal e como se trasladou no pleno de hoxe, concretaranse en 50 medidas coas que
se realizará divulgación, formación, asesoramento na elección de vocacións e se
potenciará o liderado feminino.
A Unidade Muller e Ciencia creouse hai 15 anos co
obxectivo de situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade
científica. Está integrada por representantes da Consellería de Emprego e
Igualdade; Economía, Empresa e Innovación; Cultura, Educación e Universidade;
Sanidade; a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así como por
mulleres expertas no eido social, educativo, científico e tecnolóxico. Este ano
modificarase o seu decreto de creación para actualizar a súa composición e
obxectivos, para dar resposta a novos como a integración na mesma das universidades
públicas galegas e do movemento asociativo feminino.
Entre as súas finalidades atópase a de poñer en
marcha os programas galegos de muller e ciencia. Concluídos o I e o II, a Xunta
promove o III programa (2021-2025), para o que está a contar coa participación
de mulleres do ámbito científico e tecnolóxico de Galicia a través de mesas de
traballo e enquisas sobre as súas percepcións e experiencias.
Balance do II programa
Na súa anterior edición ( 2016-2020)
o programa promovido pola Unidade Muller e Ciencia tivo impacto directo na
carreira profesional de 544 mulleres: 524 incorporáronse ao ámbito investigador
e 20 conseguiron unha promoción para desenvolver postos de carácter directivo.
O balance evidencia a súa efectividade cara a avanzar na presenza feminina
nestes sectores e na rotura das fendas de xénero inda existentes.
Grazas a esta iniciativa, á que se destinaron 242
millóns nos seus cinco anos de vixencia, Galicia desenvolveu máis dun cento de
actuacións por parte de diferentes departamentos da Xunta, que alcanzaron a
máis de 10.000 persoas de diferentes colectivos.
As accións estiveron dirixidas principalmente ao
eido escolar e universitario e permitiron, entre outras finalidades, a
formación de docentes; incentivar as vocacións das nenas cara á ciencia; e emprender
proxectos para favorecer o encontro de mozos e mozas con mulleres destacadas de
sectores tradicionalmente masculinizados.
