A App Store subirá os seus prezos en outubro

martes, 20 de setembro do 2022 Marcus Fernández

O mercado das aplicacións móbiles mudou moito nos últimos anos, e tras a febre de aplicacións a 0,79 euros experimentáronse cambios orientados á sustentabilidade do modelo de negocio das apps, levando a que as aplicacións pasasen a custar como mínimo 0,99 euros e a integrar compras dentro das aplicacións, que cada vez movían máis cartos.
Pero a inflación tamén está a afectar a este mercado, e a App Store anuncia que a partir do 5 de outubro incrementará os prezos das aplicacións móbiles e das compras dentro das aplicacións. Temos así que as aplicacións que antes custaban 0,99 euros pasarán a ter un prezo de 1,19 euros; as de 3,99 pasarán a custar 4,99 euros; as de 9,99 euros pasarán a 11,99 euros; as de 19,99 euros a 24,99 euros, e así até chegar ás compras por valor de 999,99 euros, que agora custarán 1.199,99 euros.
Este tipo de subidas son diferentes en cada mercado, ou sexa, que irían na liña das subas de prezo dos produtos de Apple en Europa, mentres que nos EE.UU. non experimentan subas de prezo fronte ao ano pasado.

PUBLICIDADE