A Asociación AMI revela que a SGAE recadará polo canon por copyleft máis de 10 millóns de euros en 2008

xoves, 27 de decembro do 2007 Raquel Noya

Segundo os cálculos levados a cabo pola Asociación de Música en Internet (AMI), os ingresos que a SGAE vai recadar o vindeiro ano 2008 en concepto de canon dixital por copias e reproducións de música copyleft, “ascenderán a máis de 10 millóns de euros”.
No pasado mes de marzo de 2007, a devandita Asociación xa publicou un informe no que se acreditaba que o canon perjudica a máis de catro millóns de músicos que distribúen o seu traballo baixo licenzas “copyleft”, modalidade que consiste en xestionar os dereitos das súas creacións e interpretacións de xeito autónomo, sen cedelos a terceiros. Estes músicos non están afiliados a entidades de xestión colectiva como poden ser a SGAE (Sociedad General de Autores y Editores), a AIE (Asociación de Artistas, Intérpretes ou Executantes) ou AGEDI (Asociación de Gestión de Derechos Intelectuales).
Integrantes de AMI aseguran que coas tarifas que se van aplicar en concepto de canon ós produtos relacionados na Orde Ministerial conxunta de Industria e Facenda, “vanse xerar uns ingresos a favor da SGAE de máis de cento quince millóns de euros tan só no vindeiro ano”.
Estes artistas “copyleft” non percibirán ningunha parte do que a SGAE recadará por copia e reproducións da súa propia música xa que non pertencen ó colectivo nin a ningunha outra entidade de xestión similar, xa que logo, non participan no reparto (aínda tendo participación directa nos beneficios).
Segundo aseguran membros de AMI, “a cantidade recadada polo canon que xeneren as cancións dos artistas “copyleft” accesibles en Internet (sobre todo a través de redes sociais como Myspace, YouTube, PureVolume, Jamendo, Sounclick ou as españolas Musicamp3 o Escucha), será superior ós 10 millóns de euros” e se se teñen en conta tamén as copias a CD ou DVD, a cifra será considerablemente superior.
O listado completo de sitios web que ofrecen descargas de balde de música copyleft está disponible na web de AMI, asociación que tal e como afirma, está a preparar diferentes accións, tanto de carácter social como legal, para poñerlle fin a esta inxusta recadación para o vindeiro 2008.

PUBLICIDADE