A Asociación Ambar gaña o 1º Premio Cenor polo seu programa de podcasts inclusivos

xoves, 12 de decembro do 2024 S. P.

A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional recibiu este martes 10 de decembro o primeiro galardón da XII edición dos Premios Solidarios que outorga a empresa Cenor Electrodomésticos. O primeiro premio, dotado de 6.000 euros, foi para o proxecto Podcast Diversos, un proxecto que estará realizado polas persoas usuarias da entidade inclusiva do Barbanza, con sede principal en Ribeira, para compartir as súas inquedanzas con toda a comunidade, de xeito que tamén mellorarán a súa autoestima e autoconfianza para dicir o que opinan e tomar as súas propias decisións.
A entrega dos premios tivo lugar durante unha gala celebrada no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, na que a presidenta de Ambar, Milagros Rey, recolleu o galardón e agradeceu este recoñecemento ao xurado que seleccionou o proxecto, e tamén felicitou a Xanela e Caminando, entidades que tamén foron premiadas nesta edición.
O proxecto premiado levarase a cabo no vindeiro ano e estimarase que beneficiará a preto de 2.900 persoas. Indirectamente tamén beneficiará ó público que segue o contido da Asociación Ambar a través das redes, unha comunidade formada por un total de 8.089 a día de hoxe.
Segundo explicaron fontes de Ambar, o programa Podcast Diversos é o primeiro podcast inclusivo e participativo destas características no Barbanza e, tamén, un proxecto pioneiro en Galicia, onde, indicaron, “non existen espazos de comunicación para que as persoas con diversidade poidan, de maneira directa, expresar as súas inquedanzas nunha plataforma de streaming“.
Ambar tamén fixo saber que a través deste ciclo de gravacións radiofónicas en liña aposta “pola innovación mediante o uso de tecnoloxías avanzadas que faciliten unha experiencia de creación inclusiva personalizada”. A comunidade de asociación (persoas usuarias e profesionais) agradeceron a Cenor Electrodomésticos este galardón “o cal abre unha oportunidade para pasar a un plano real e práctico un proxecto único, a través do que se habilitará un espazo para entreter, acompañar e transmitir valores sociais”.