A Asociación Boirense de Empresas (ABE) lanza a versión app da súa páxina web
luns, 1 de setembro do 2025
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) deu un paso máis na dixitalización do comercio local amplificando o radio de alcance da súa web (www.abe.gal) e presentando a súa versión app para dispositivos móbiles. A idea é seguir colleitando éxitos tecnolóxicos, logo de acadar, coa web, a cifra de máis de 5.000 visitas mensuais e preto de 2.000 usuarios activos de media. Tamén se busca “ofrecer aos clientes unha forma rápida e cómoda de participar nas campañas e coñecer as novidades do comercio local”.
A ferramenta foi presentada con formato de Aplicación Web Progresiva (PWA), o que, segundo explica a ABE, “permite que os usuarios poidan engadila á pantalla principal do seu móbil e empregala coma se fose unha aplicación tradicional, sen necesidade de descargala dende ningunha tenda de apps”.
Beneficios para socios e clientes
A patronal boirense explica que a nova versión app aporta múltiples vantaxes:
-Acceso inmediato: a web pódese abrir directamente dende a pantalla de inicio do móbil, sen ter que buscar a dirección no navegador.
-Navegación fluída e rápida (especialmente á hora de rexistrar compras no sistema de fidelización ou consultar campañas e promocións activas).
-Notificacións e novidades: os usuarios poderán acceder facilmente ás últimas noticias e eventos organizados pola ABE.
-Mellora da interacción co usuario: permite aos comercios asociados ofrecer unha experiencia máis moderna e áxil aos seus clientes.
-Sustentabilidade dixital: ao prescindir da descarga de aplicacións tradicionais, afórrase espazo nos dispositivos e simplifícase a actualización de contidos.
Como activar a nova versión?
A patronal explica que para activar a nova versión, “só é necesario entrar na web da ABE desde o navegador do móbil e seleccionar a opción Engadir á pantalla principal”. A partir dese momento, a páxina funcionará cunha interface moi similar á dunha aplicación convencional, sen necesidade de pasar polas tendas de aplicacións. O presidente da ABE, Daniel García, subliñou a importancia desta novidade: “Queremos facilitar ao máximo a participación da cidadanía nas nosas campañas e reforzar a conexión entre os negocios locais e os clientes. Esta versión app da nosa web supón un paso adiante na modernización e dixitalización do comercio de Boiro, mellorando a experiencia do usuario e ofrecendo máis ferramentas aos nosos asociados”.
