A Asociación Boirense de Empresas aposta pola accesibilidade e a proximidade na súa nova web
mércores, 25 de xuño do 2025
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) estreou nesta recta final de xuño a súa nova páxina web, dispoñible en www.abe.gal, como colofón ao proceso de renovación da súa identidade visual e denominación. En palabras da entidade empresarial, “o novo portal representa un salto cualitativo tanto na imaxe como na funcionalidade, apostando por un deseño moderno, dinámico e adaptado ás necesidades actuais de empresas e persoas usuarias”.
A nova web integra os principais servizos da ABE cunha navegación sinxela e intuitiva. Entre as funcionalidades destacadas atópanse as seguintes: acceso directo ao programa Puntos ABE, con rexistro de compras, catálogo de premios e solicitude de canxes; a Área de socios, con buscador por nome ou sector e descarga de directorios en PDF personalizados; o Marketplace, que ofrece acceso ás tendas en liña dos comercios asociados, impulsando o consumo local a través da canle dixital; reserva online de espazos e aulas da ABE; e formularios para asociarse ou inscribirse nas actividades formativas da entidade de forma rápida e sen papeis.
Segundo explica a patronal boirense, un dos elementos máis innovadores do novo portal é a súa conexión directa co sistema de fidelización da ABE: “Esta integración permite unha xestión máis eficaz e accesible dos puntos, premios e campañas comerciais, reforzando unha das liñas estratéxicas máis ambiciosas da asociación”, sinalan dende a entidade, engadindo que se fixo un esforzo especial en reforzar o papel da ABE como “axente activa de información e dinamización local”. Isto acadarase a través das seguintes iniciativas en liña: publicación de novas actualizadas a diario sobre a actividade da asociación e o comercio local; galerías de imaxes dos eventos e campañas realizadas; es subscrición aberta ao boletín informativo, para “que calquera persoa interesada poida seguir a actualidade empresarial de Boiro”.
Segundo destacou o presidente da ABE, Daniel García, “con esta nova web damos un paso adiante no noso proceso de modernización e reafirmamos o compromiso coa dixitalización como ferramenta útil para o día a día das empresas e das persoas consumidoras”. Engadiu tamén que “este novo espazo dixital está pensado para facer máis doada a relación coa asociación, mellorar os servizos e seguir impulsando os negocios locais dende a proximidade e a innovación”.
