A Asociación Empresarial do Tambre forma á mocidade en comercio electrónico

venres, 23 de abril do 2021 S. P.

Sobre a base do importante crecemento experimentado polo ecommerce dende o inicio da pandemia, as entidades empresariais queren capacitar ás firmas, aos profesionais, aos demandantes de traball e ás persoas emprendedoras no manexo de todos os recursos precisos que lles permitan vivir plenamente en liña. Un exemplo disto é o Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre 2020/21. Ao abeiro deste plan, vaise desenvolver a vindeira semana unha actividade formativa sobre vendas e mercadotecnia en liña. Dotarase ás mozas e mozos participantes dos coñecementos e habilidades necesarias para entender e aplicar unha estratexia de vendas a través de medios virtuais.
Como facer unha web atractiva, poñer en marcha unha estratexia publicitaria en Internet ou coñecer as particularidades do comercio electrónico serán contidos que se desenvolverán e analizarán, desde a perspectiva do estudo de casos prácticos, no curso.
O Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre está financiado pola Xunta de Galicia con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, a través do servizo de Programas Mixtos da dirección xeral de Formación e Colocación.

PUBLICIDADE