A Asociación Empresarial do Tambre organiza unha xornada para axudar ás empresas a integrar a IA
martes, 22 de abril do 2025
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) celebrará o vindeiro xoves, 24 de abril, a xornada Transforma o teu negocio coa IA e SAP Business One, a partir das 9:30 horas no Centro Empresarial do Tambre (Vía Édison, 1. Polígono do Tambre), organizada en colaboración coa consultoría tecnolóxica para empresas Inforges.
O evento está deseñado para directores executivos (CEOs), directores xerais e responsábeis de Tecnoloxías da Información que buscan mellorar a capacitación dos seus equipos para que tomen decisións rápidas, intelixentes e fundamentadas.
O directivo de SAP para canles de B1 en España, Ricardo Ribeiro, impartirá a sesión na que explicará como integrar a Intelixencia Artificial nos procesos de xestión empresarial con SAP Business One. Presentará casos prácticos de uso e solucións baseadas en IA e o seu impacto positivo na eficiencia operativa das pemes. “A xornada servirá para coñecer de primeira man as funcionalidades de SAP Businness One nas empresas en áreas como a xestión financeira, xestión de compras e inventario, business intelligence, xestión de vendas e clientes, cliente web, analíticas e informes e planificación da produción”, apunta Ribeiro.
As persoas participantes descubrirán como ter unha visión única do negocio para manter o control, sobre todo se a información se atopa en diferentes aplicacións ou mesmo localizacións; como dispor de tecnoloxía que permita á empresa avanzar na súa transformación dixital dentro duns custos razoables; e como un ERP (Enterprise Resource Planning, en galego Planificación de Recursos Empresariais) implica maior visibilidade de todo o que sucede na contorna do negocio. Ricardo Ribeiro adianta que con estas técnicas poderanse analizar os datos en tempo real para mellorar a toma de decisións, establecer tendencias de compra, identificar e segmentar mellor aos clientes, realizar campañas personalizadas e, por suposto, mellorar a atención ao cliente co obxecto de “multiplicar as vendas”.
Ricardo Ribeiro é executivo de Tecnoloxías da Información, xerente de Canles de SAP B1 en España, con 30 anos de experiencia en tecnoloxía para negocios. Posúe un MBA en xestión estratéxica de tecnoloxía e un MSc en Administración, especializado en colaboración empresarial e construción de ecosistemas de negocio.
A actividade ten prazas limitadas e a inscrición estará aberta ata completar o aforo.