A Asociación Española de Videoxogos e a ONCE presentan na UVigo o libro branco da accesibilidade gamer
luns, 23 de setembro do 2024
A accesibilidade no ámbito dos videoxogos é o eixo sobre o que xira o Libro Branco de accesibilidade, para desenvolvedores; elaborado pola Asociación Española de Videoxogos (AEVI) e a Fundación ONCE, que se presentaba o pasado venres 20 de setembro na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo. O volume, editado en 2023, era presentado polo vicepresidente da AEVI, Arturo Monedero, no marco dunha xornada organizada polo Mestrado en Tradución Multimedia. Cómpre sinalar que o libro recolle unha serie de medidas e propostas de referencia para guiar os desenvolvedores e os estudos de videoxogos no seu camiño para converter os seus títulos en produtos máis accesíbeis.
Segundo Monedero, experto na industria dos videoxogos e fundador do estudio TLR Games, as medidas clave deste libro van desde o uso de tipografía alternativa de lectura sinxela, a información con códigos de cor, o lector de pantalla, os sistemas de puntería asistida, entre outras. O obxectivo desta guía é axudar aos deseñadores do mundo do videoxogo a conseguir a igualdade de oportunidades e o deseño universal nos seus produtos, para que todos poidan desfrutar do lecer que esta industria propón. Para a redacción do libro tivéronse en conta diferentes perfís de xogadores e xogadoras, que fan referencia a como se emprega a tecnoloxía, e que fan referencia á visión limitada, percepción da cor, audición, manipulación ou forza limitada, e capacidade cognitiva.
Indo ao libro, sinalar que recolle un total de 61 medidas de accesibilidade distribuídas en cinco categorías, en función do seu grao de dificultade de implementación: 28 catalogadas cunha estrela; 18 con dúas; 7 de tres; cinco de catro e, finalmente, tres de cinco estrelas. O que se buscan con estas 61 propostas é sensibilizar á sociedade sobre a accesibilidade e a discapacidade e poñer ao seu dispor unha guía de referencia sobre medidas de accesibilidade en videoxogos, relacionando os perfís de prestación funcional coas medidas de accesibilidade correspondentes e explicando como se poden desenvolver as distintas medidas de accesibilidade. Alén disto, AEVI e ONCE tamén buscan determinar a dificultade que implica a inclusión de medidas de accesibilidade por parte dos estudos e achegar aos creadores ferramentas para avaliar a accesibilidade dos seus produtos, poñendo á súa disposición a información relativa á accesibilidade hardware e os periféricos, así como poñer en valor a importancia da impresión 3D no mundo hardware e os periféricos adaptados.
Engadir que ao acto tamén acudiron o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, e a coordinadora do mestrado, María Teresa Veiga Díaz.