A Asociación PuntoGal aspira a presentar a candidatura do .gal a primeiros de 2012

luns, 20 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Xa hai 5 anos da constitución da Asociación PuntoGal, organización que leva todo ese tempo a traballar na reivindicación dun dominio de Internet de primeiro nivel para a lingua e a cultura galegas, e que conseguiu un grande apoio social (coa adhesión de 108 institucións representativas e de máis de 12.000 persoas a título individual), que finalmente poderá avanzar nos seus obxectivos fundacionais grazas a que a ICANN vén de aprobar o lanzamento do proceso de candidaturas para novos dominios, polo que é de agardar que no primeiro cuadrimestre de 2012 poida presentar a exame o dominio .gal.

Participantes en XGN facendo cola para asinar en favor do PuntoGal

O organismo que organiza os enderezos de Internet e os seus nomes de dominio leva redactando a normativa que regulará o proceso de apertura de novos dominios dende 2005, e tras unha longa espera estableceu que o prazo para a presentación de candidaturas será do 12 de xaneiro de 2012 ao 12 de abril de 2012, cando está previsto que a Asociación galega poida optar ao procese que podería facer realidade un dominio galego na Internet.
Dende a Asociación PuntoGal tamén queren ser prudentes con respecto aos prazos publicados pola ICANN, pois no pasado incumpriron coas datas pactadas en numerosas ocasións, aínda que consideran que a resolución aprobada en Singapur pola súa xunta directiva marca un antes e un despois, pois confirma un compromiso por parte de ICANN para que os novos gTLD sexan unha realidade a medio prazo, cumprindo así cunha reivindicación histórica.

Momento no que a xunta directiva de ICANN vota a aprobación da apertura do proceso para os novos dominios da Internet