A Asociación de Balnearios de Galicia estrea páxina web

luns, 9 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Asociación de Balnearios de Galicia enfía a recta final de ano avanzando un novo treito na súa transformación tecnolóxica integral, un camiño sen volta cara a excelencia, a innovación, a calidade no servizo e o afianzamento en novos mercados internacionais. Estamos a falar da estrea (hoxe, de maneira oficial) da súa nova páxina web, www.balneariosdegalicia.gal. A través deste espazo cen por cen remodelado, a entidade ampliou a súa listaxe de recursos e servizos e optimizou os datos que ofrece relativos aos establecementos que integran a asociación e a calidade terapéutica das súas augas mineromedicinais. Tamén se pon o foco en mellorara a información sobre as posibilidades que oferta cada balneario, tanto dende o punto de vista do lecer como do sanitario.
Segundo informa a entidade, na nova web indícanse os tipos de augas que ofrece cada balneario da nosa terra, as súas indicacións terapéuticas, os programas e servizos hoteleiros que proporciona; “pero tamén a historia de cada establecemento e as experiencias turísticas e de lecer que achega o seu contorno máis próximo”. Todo isto, explica a asociación, ilustrado con magníficas fotografías dos 18 balnearios que a integran.
Unha das seccións estrela da nova proposta en liña é sen dúbida a sección de noticias, na que se dá conta de toda a actualidade do sector termal galego, así como das diferentes iniciativas que ten en marcha.

O Balneario de Arnoia

Outro dos espazos relevantes da páxina é o destinado á Cátedra de Hidroloxía Médica da USC-Balnearios de Galicia, que comezou a impartirse na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de no ano 2006 e forma cada curso a máis dun centenar de alumnos nas posibilidades terapéuticas das augas minerodicinais da comunidade.
Respecto de todas estas novidades, o xerente de Balnearios, Benigno Amor, explica se trata de “unha web moderna, cun estilo actual”, salientando o interese da asociación por “promover nela os balnearios asociados e por chegar o contido aos usuarios dun xeito ameno, intuitivo e sinxelo”.

O Balneario de Cuntis

A nova web está en catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés) e está totalmente adaptada aos diferentes dispositivos actuais (móbiles, tabletas, portátil...), o que lles permite aos usuarios realizar consultas e buscar información en calquera situación e desde calquera lugar, “adaptándose así aos novos hábitos dos consumidores”. En palabras do xerente, “trátase dunha aposta polo 3.0 nun momento de revolución tecnolóxica”.
Os balnearios de Galicia
Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 18 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.

PUBLICIDADE