A Aula AMTIC de Ames comeza o ano con cinco cursos tecnolóxicos para adultos e cativos

mércores, 8 de xaneiro do 2025 S. P.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro (AMTIC) compartiu a súa axenda formativa correspondente aos primeiros meses deste 2025, con cursos dirixidos tanto a adultos coma para menores. As temáticas destes cursos abranguen contidos moi amplos e útiles para o mundo dixital, no caso dos adultos, dende a xestión avanzada do correo electrónico, a busca de emprego ata a mecanografía, e no caso dos menores, un uso avanzado nas ferramentas de busca en liña ou tamén mecanografía.
Tres dos cursos programados irán dirixidos a adultos e outros dous a menores. A primeira das formacións dirixidas a adultos é Busca de emprego a través da Internet, que se impartirá os vindeiros días 15 e 22 de xaneiro, en horario de 17.15 a 18.45 horas. Neste curso os participantes aprenderán e coñecerán o tipo de ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías para atopar traballo, coma por exemplo as redes sociais, os portais de emprego ou as páxinas especializadas na busca de emprego.
Por outra banda, tamén se ofrece unha formación de mecanografía dirixida para adultos, na que o alumnado poderá practicar este habilidade para adquirir unha maior soltura á hora de escribir cun computador. Dende o Concello de Ames destacan que este curso pode ser complementario ao curso de iniciación á informática impartido anteriormente pola Aula AMTIC. A formación impartirase todos os mércores desde o 15 de xaneiro ata o 12 de febreiro, en horario de mañá de 10.00 a 12.00 horas.
O último dos cursos para persoas adultas planificados pola AMTIC para este comezo de ano é unha formación de xestión avanzada do correo electrónico, que se impartirá os días 13, 20 e 27 de febreiro, en horario de 17.15 a 18.45 horas. Nesta formación, os participantes adquirirán un uso básico do correo electrónico, tanto de Gmail coma Outlook.
Formacións para menores
Para os máis pequenos da casa, a Aula AMTIC oferta dúas formacións. A primeira delas é un curso de informática de nivel medio, dirixido a mozos e mozas de 9 a 12 anos. A formación levarase a cabo todos os xoves desde o 16 de xaneiro ata o 10 de abril, en horario de 17.15 a 18.45 horas. O alumnado afondarán no uso de diferentes ferramentas de busca en liña, coma os buscadores ou a Wikipedia, e tamén a utilización de aplicacións coma o Writer ou o formato de texto.
Por outra banda, está previsto que se realice un curso de mecanografía para as crianzas maiores de 10 anos. Na formación, o alumnado empregará diferentes programas dixitais para practicar esta habilidade e coller unha maior soltura á hora de escribir no ordenador. O curso impartirase os venres desde o 11 de abril ata o 23 de maio, en horario de 17.15 a 18.45.
Inscrición
As persoas interesadas en participar en calquera dos cursos formativos da AMTIC para estes primeiros meses do ano, tanto adultos coma menores, poderán completar a súa inscrición enviando a ficha cuberta ao enderezo electrónico de informatica.milladoiro@gmail.com, de forma presencial na aula AMTIC do Milladoiro de luns a venres en horario de 10.00 a 12.30 e de 16.00 a 20.00 horas ou chamando ao número de teléfono 674 594 843. Pódese descargar a ficha de inscrición na ligazón habilitada.