A Aula CeMIT das Pontes ponse a disposición da veciñanza este mes de xullo para seguir reducindo a fenda dixital

xoves, 17 de xullo do 2025 S. P.

A Aula CeMIT do Concello das Pontes (no soto da Casa Dopeso) anunciou que os vindeiros días vai manter o seu horario vespertino de aula aberta a disposición da cidadanía: desde o 14 de xullo ao 1 de agosto (ambos incluídos) con horario de de 17:30 a 21:30 horas, para “que calquera veciña ou veciño que o precise poda usar os equipos da aula así como resolver calquera dúbida relacionada coas novas tecnoloxías, co uso do PC, do móbil ou do certificado dixital, entre outras”.
Desde o Concello anímase a toda a veciñanza a achegarse á Aula CeMIT, situada no Soto da Casa Dopeso, e tirar proveito das posibilidades deste espazo formativo-dinamizador para apoderarse no plano dixital e gañar autonomía, contribuíndo a reducir a fenda dixital e capacitándose para realizar calquera trámite ou operación a través das novas ferramentas.