A Aula CeMIT de Ames achega este verán unha completa formación TIC para pequenos e maiores

martes, 30 de maio do 2023 S. P.

A Aula CeMIT de Ames compartiu detalles sobre a súa intensa axenda formativa para este verán, que inclúe cursos pensados para todos os públicos, lúdicos e formativos. Ademais, continuarase ofrecendo o acceso libre á aula, que permanece aberta ao público de luns a venres, dende as 9:30 ata as 13:00 horas; e os martes e xoves tamén dende as 16:30 ata as 19:00 horas. Así mesmo, ofértase atención telefónica e por correo electrónico os luns, mércores e venres, dende as 16:00 ata as 18:30 horas. A partir do 3 de xullo, o horario das aulas será de luns a venres, dende as 8:15 ata as 13:50 horas.
Cursos para menores de idade
Dende o 26 de xuño ata o 24 de xullo celebrarase un curso de informática lúdica para nenos/as de entre 6 e 8 anos. Será os luns, de 10:30 a 12:00 horas. Nel, os pequenos da casa poderán aproveitar para aprender a manexarse co ordenador e os seus programas da forma máis entretida posíbel: mediante xogos e actividades acostumaranse ao rato e ao teclado, pero tamén a entender o funcionamento básico da computadora.
Entre o 27 de xuño e o 18 de xullo haberá outra formación: Scratch en verán. A ferramenta scratch é unha linguaxe de programación por bloques “moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que se adentren na robótica educativa”, informan dende a organización. Diríxese á rapazada de entre 8 e 12 anos, e desenvolverase os martes de 10:00 a 12:00 horas.
Para os adolescentes de 12 a 16 anos haberá un curso de edición de imaxes, son e vídeo, que se impartirá do 28 de xuño ao 26 de xullo; os mércores, de 10:00 a 12:00 horas. Nel a rapazada aprenderá dende crear editar imaxes ata fotomontaxes, así como a editar audio e montar vídeos. Empregaranse ferramentas como GIMP, Audacity e OpenShot.
Doutra banda, haberá unha formación de introdución á mecanografía. O curso impartirase para dous grupos: un será para rapaces de entre 7 e 10 anos; e o segundo para os de entre 11 e 14 anos. Nel empregarase unha plataforma online coa que o alumnado poderá continuar practicando en calquera momento dende a súa casa. O curso desenvolverase entre o 29 de xuño e o 27 de xullo. Para os cativos/as de entre 7 e 10 anos terá lugar os xoves de 10:00 a 11:00 horas; mentres que para os de entre 11 e 14 anos impartirase de 11:00 a 12:00 horas.
Todos os menores de idade que queiran participar en calquera dos cursos deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT. A inscrición pódese facer premendo na ligazón específica habilitada ou de xeito presencial, no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Cursos para adultos
No caso dos adultos, ofértanse dúas formacións. Por un lado, o curso Atopa na rede: busca avanzada en Internet. Desenvolverase dende o 29 de maio ata o 23 de xuño, todos os luns, mércores e venres, de 10:00 a 12:00 horas. As prazas xa están cubertas, aínda que as persoas que o desexen poden anotarse e quedar en lista de espera. Será de xeito presencial.
Por outra banda, ofrécese tamén un curso que se pode realizar dende a casa, a través de Youtube, Crea o teu blog persoal! Celebrarase do 5 ao 28 de xuño, os luns e mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Dende a Aula CeMIT enviarase por correo electrónico aos participantes a información necesaria para acceder a cada unha das sesións, así como un breve titorial para descargar e instalar os programas necesarios para o seguimento dos cursos.
“Crea o teu blog persoal!” é un curso centrado na creación dun blog persoal, comezando dende a configuración básica ata opcións de deseño máis avanzadas. Empregarase Blogger como plataforma de exemplo.
A inscrición aos cursos, tanto para adultos como para a rapazada, pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

PUBLICIDADE