A Aula CeMIT de Ames achegará seis cursos TIC para maiores e pequenos no último cuadrimestre
mércores, 31 de xullo do 2024
A Aula CeMIT o Concello de Ames permanecerá pechada durante o mes de agosto. O acceso libre ás instalacións, así como a súa actividade formativa, retomarase a partir de setembro. Durante os últimos catro meses do ano haberá tanto cursos para adultos como para menores de idade. Ademais dunha introdución á Administración Electrónica volven clásicos do mes de setembro como a iniciación á informática e á mecanografía, tanto para adultos como para os pequenos da casa.
O Concello explicou que “despois das vacacións volverase ao 100% de formación presencial, así que axiña anunciaranse cursos na aula polas tardes centrados no público adulto”, pero ademais chegarán novidades con respecto ao CODIX, o certificado galego en competencias dixitais, que se anunciarán a comezos de setembro.
Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. Os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.
Introdución á Administración Electrónica
Impartirase o luns 16, mércores 18 e venres 20 de setembro, de 10.00 a 12.00 horas. Trátase dun curso adicado á familiarización coa Administración Electrónica. Aprenderase a manexarse con todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, cl@ve e chave365. Verase como facernos con cada un deles e as súas vantaxes ou inconvenientes. Ademais tamén se fará un achegamento á Sede electrónica do Concello de Ames e da Xunta, servizos tan útiles coma É-Saúde ou Notifica.gal e apps como XuntaEu e Mi carpeta ciudadana.
Iniciación á Informática
Este curso impartirase o martes e xoves, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 24 de setembro ata o 28 de novembro. É un curso de iniciación ao uso do ordenador dende o máis básico: conceptos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos de forma correcta, xestión do sistema operativo para crear documentos, traballar con eles e, sobre todo, perderlle o medo ao ordenador.
Mecanografía para adultos
Impartirase o mércores, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 2 de outubro ata o 27 de novembro. Nunca somos demasiado maiores para aprender mecanografía se temos que empregar o teclado dun ordenador a miúdo. Neste curso aprenderase a sacarlle partido á plataforma online Typing para practicar tanto dende a aula como dende a casa, teñamos o nivel que teñamos.
Cursos para menores de idade
-Informática para nenos/as - Nivel básico (de 7 a 10 anos)
Impartirase o martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 17 de setembro ata o 10 de decembro. Trátase dun curso de iniciación á informática no que os nenos e nenas de entre 7 e 10 anos aprenderán as bases do uso dun ordenador: rato, teclado, sistema operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede para practicar con xogos educativos, introdución á escritura en LibreOffice Writer, etc.
-Introdución á mecanografía (nenos/as entre 7 e 10 anos)
Este curso impartirase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, dende o 19 de setembro ata o 12 de decembro. En palabras do Concello, “é un curso idóneo para practicar mecanografía, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior”. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.
-Introdución á mecanografía (rapaces/as entre 10 e 14 anos)
impartirase tamén os xoves, de 18.00 a 19.00 horas, dende o 19 de setembro ata o 12 de decembro. Trátase dun curso idóneo para practicar mecanografía, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.