A Aula CeMIT de Ames oferta novos cursos con data de comezo en setembro

martes, 5 de agosto do 2025 S. P.

A Aula CeMIT de Ames retomará a súa actividade habitual despois do paro polas vacacións de verán neste mes de agosto. Para o comezo do vindeiro curso, o espazo de formación TIC prepara novos cursos formativos, dirixidos tanto para adultos como para menores de idade, nos que se traballaran diferentes contidos.
Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. Os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.
O primeiro dos cursos que se levará a cabo será o de Edición de imaxes con GIMP, que se impartirá os luns e mércores, de 17.15 a 18.45 horas desde o 15 de setembro ata o 8 de outubro. Nesta formación, achegarase á edición de imaxes a través do programa de software libre e de balde, GIMP, aplicación de referencia no sector e unha gran alternativa a ferramentas de pago coma Photoshop. Deste xeito, os usuarios/as aprenderán a modificar fotografías e outras dotes de edición. 
Ademais, durante os martes e xoves do 16 ao 25 de setembro, impartirase o curso Introdución á Administración Electrónica, en horario de 10.00 a 12.00 horas. As persoas que asistan a esta formación aprenderán a manexar todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, cl@ve e chave365. Ademais, descubrirán cal é a utilidade de cada un deles e as súas vantaxes ou inconvenientes de empregalos no noso día a día. Tamén se fará un achegamento á sede electrónica do Concello de Ames e da Xunta, servizos de utilidade coma É-Saúde ou Notifica.gal e aplicacións como XuntaEu e Mi carpeta ciudadana.
O derradeiro curso para adultos que se desenvolverá será Iniciación á informática, que se impartirá os martes e xoves, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 31 de setembro ata o 20 de novembro. Esta formación permite achegarse a un uso inicial do ordenador dende o máis básico, adquirindo conceptos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos de forma correcta, xestión do sistema operativo para crear documentos, traballar con eles e, sobre todo, perderlle o medo ao ordenador.
Cursos para menores de idade
Cómpre lembrar que o menor debe estar rexistrado previamente na rede CeMIT para poder matricularse en calquera destes cursos. Pode facelo pasando pola aula ou a través da ligazón habilitada. Para as crianzas haberá tres novas ofertas formativas. Por unha banda, o curso Informática para nenos/as – Nivel básico, que está dirixido para a rapazada de 7 a 10 anos. Impartirase os martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 16 de setembro ata o 16 de decembro. Trátase dun curso de iniciación á Informática no que os nenos e nenas aprenderán as dotes básicas do uso dun computador: rato, teclado, sistema operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede para practicar con xogos educativos, introdución á escritura en LibreOffice Writer, entre outros contidos.
Por outra banda, haberá dous cursos de mecanografía. O primeiro deles, estará dirixido para a os menores de 7 a 10 anos e impartirase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, dende o 18 de setembro ata o 18 de decembro. O outro curso de mecanografía estará orientado para a rapazada de 10 a 14 anos, e tamén se desenvolverá os xoves e nas mesmas datas, pero en horario de 18.00 a 19.00 horas.
O curso está dirixido para todo tipo de niveis, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.