A Aula CeMIT de Ames retoma a actividade con seis cursos de formación para maiores e pequechos

venres, 6 de setembro do 2024 S. P.

Logo do peche de agosto a Aula CeMITdo Concello de Ames anuncia a súa oferta formativa para o último cuadrimestre do ano 2024, que inclúe tres cursos para adultos e outros tres para menores de idade. Ademais dunha introdución á Administración Electrónica, volven clásicos do mes de setembro como a iniciación á informática e á mecanografía, tanto para adultos como para os pequenos da casa. Así mesmo, tamén hai novidades con respecto ao COMDIX, do que se abriron dúas novas convocatorias.
Exame para a obtención do COMDIX
Co inicio do novo curso, a AMTEGA vén de convocar novas prazas para a obtención da nova Certificación Galega de Competencias Dixitais (COMDIX). Deste xeito, abríronse as convocatorias de dúas edicións do nivel de iniciación: a de outubro (con inscricións abertas ata o 18 de setembro) e a de novembro (con inscricións abertas ata o 18 de outubro). O temario completo do exame está xa dispoñíbel para todo o mundo na plataforma de teleformación. Pódese acceder co usuario da rede CeMIT na sección de Cursos / Competencias Dixitais.
Para complementalo e facer máis accesíbel a formación, a Aula CeMIT vai realizarun curso presencial previo a cada convocatoria. Cada unha das edicións conta cun centenar de convocatorias en toda Galicia, das cales 3 serán na Aula CeMIT de Ames. Porén, só se pode solicitar unha praza por edición. Así, as inscricións pode realizarse o mércores 23 de outubro e o xoves 21 de novembro. No caso de ter superada a proba na edición de outubro, as persoas aspirantes non entrarán no sorteo de novembro.
Para consultar calquera dúbida ou solicitar máis información pódese enviar un correo ao enderezo electrónico formacion-cemit@xunta.gal.
Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. O alumnado poderá facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.
Introdución á Administración Electrónica
Impartirase o luns 16, mércores 18 e venres 20 de setembro, de 10.00 a 12.00 horas. Trátase dun curso adicado á familiarización coa Administración Electrónica. Aprenderase a manexarse con todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, cl@ve e chave365. Verase como adquirir cada un deles e as súas vantaxes ou inconvenientes. Amais farase un achegamento á Sede electrónica do Concello de Ames e da Xunta, servizos de utilidade como as aplicacións É-Saúde, Notifica.gal, XuntaEu e Mi carpeta ciudadana.
Iniciación á informática
O curso de Iniciación á informática impartirase o martes e xoves, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 24 de setembro ata o 28 de novembro. É unha actividade de introdución ao uso do computador dende o máis básico: aprenderanse conceptos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos de forma correcta, xestión do sistema operativo para crear documentos, traballar con eles e, sobre todo, perderlle o medo ao ordenador.
Mecanografía para adultos
O curso Mecanografía para adultos impartirase o mércores, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 2 de outubro ata o 27 de novembro. Aprenderase a sacarlle partido á plataforma online Typing para practicar tanto dende a aula como dende a casa, teñamos o nivel que teñamos.
Cursos para menores de idade
O Concello de Ames lembra que o menor debe estar rexistrado previamente na rede CeMIT para poder matricularse en calquera destes cursos. Pode facelo pasando pola aula ou a través da ligazón específica.
Informática para nenos/as - Nivel básico (de 7 a 10 anos)
Impartirase o martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 17 de setembro ata o 10 de decembro. Trátase dun curso de iniciación á Informática no que os nenos e nenas de entre 7 e 10 anos aprenderán as bases do uso dun ordenador: rato, teclado, sistema operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede para practicar con xogos educativos, introdución á escritura en LibreOffice Writer, etc.
Introdución á mecanografía (nenos/as entre 7 e 10 anos)
Este curso impartirase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, dende o 19 de setembro ata o 12 de decembro. O Concello explica que se trata “dun curso idóneo para practicar mecanografía, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior”. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.
Introdución á mecanografía (rapaces/as entre 10 e 14 anos)
impartirase tamén os xoves, de 18.00 a 19.00 horas, dende o 19 de setembro ata o 12 de decembro. Dende a Aula CeMIT explican que se trata “dun curso idóneo para practicar mecanografía, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior”. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa. A Aula CeMIT de Ames impartirá seis cursos de formación que se desenvolverán durante o último cuadrimestre do ano.