A Aula CeMIT de Narón achega dous cursos sobre usos cotiáns da IA e as utilidades de Canva

luns, 5 de agosto do 2024 S. P.

A Aula CeMIT do Concello de Narón mantén aberto na plataforma CeMIT o prazo de inscrición en dous novos cursos, un sobre Usos cotiáns da Intelixencia Artificial e outro de As múltiples utilidades de Canva, de 168 horas cada un. Así o indicou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Román Romero, que explicou que estas dúas accións formativas comezarán o vindeiro 4 de setembro na aula de Xuvia e rematarán o 31 de outubro.
A acción formativa de Usos cotiáns da Intelixencia Artificial impartirase en quenda de mañá, de 9:30 a 13:30 horas e abordaranse contidos como: introdución á Intelixencia Artificial; ChatGPT e asistentes virtuais; IA nos medios de comunicación; edición de fotos e vídeos con IA; aplicación de balde con IA; IA en redes sociais; IA na educación; Achegamento á IA na vida cotiá, etc. As inscricións poden realizarse a través da web da Aula CeMIT.
No caso do curso As múltiples utilidades de Canva, impartirase en quenda de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, cos seguintes módulos: introdución a Canva; fundamentos do deseño gráfico; creación de presentacións, deseño de folletos, carteis e material impreso; creación de infografías; invitacións e tarxetas personalizadas; utilidades diarias de Canva; deseño de imaxes para redes sociais; creación de vídeos, etc. Neste caso, as inscricións poden realizarse tamén na web da Aula CeMIT. En ambos casos as persoas interesadas poderán anotarse de balde, estando limitada a asistencia a cada curso a un máximo de 12 persoas.