A Aula CeMIT de Narón comeza o ano cun formacións en LibreOffice e contabilidade e RRHH

xoves, 4 de xaneiro do 2024 S. P.

Este 2 de xaneiro abriu en Narón o prazo de inscrición en dous cursos da rede autonómica CeMIT: por unha banda Competencias dixitais en ofimática-Libre Office e pola outra Contabilidade e Recursos Humanos. As persoas interesadas en asistir ás clases, que se impartirán en ambos casos do 22 de xaneiro ao 30 de abril na Aula CeMIT de Xuvia, deben anotarse a través da plataforma da dita rede. Os detalles destes obradoiros foron achegados polo concelleiro de Novas Tecnoloxías de Narón, Román Romero.
Na acción formativa Competencias dixitais en ofimática-Libre Office, en nivel avanzado, estudaranse as ferramentas ofimáticas dos diversos paquetes (Writer, Calc, Base, Impress), entre outras. O curso terá unha duración de 276 horas, que se impartirán en quenda de mañá, de 9:30 a 13:30 horas. Ofértanse un total de doce prazas.
En canto ao curso de Contabilidade e Recursos Humanos, o alumnado abordará temas como a definición do posto de traballo e de perfís laborais, competencias e formación, normativa laboral, seguridade social e cotizacións, entre outras cuestións. Esta acción formativa, cunha duración tamén de 276 horas e doce prazas, impartirase en quenda de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.

PUBLICIDADE