A Aula CeMIT de Ponteareas achega novos cursos de balde co nexo común de incidir na inclusión dixital

martes, 20 de febreiro do 2018 Redacción

A Aula CeMIT do Concello de Ponteareas vén de retomar a súa actividade, logo do cambio de ano, con novos cursos de balde sobre diferentes aspectos da informática e todos co nexo común de impulsar a alfabetización dixital da cidadanía. Segundo informa a Concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Benito Márquez, da que depende o centro, a aula seguirá ofrecendo os seus servizos até decembro deste ano 2018 gracias ao convenio de colaboración entre o Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia, a FEGAMP e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA). Estes obradoiros están dirixidos a tódolos tramos de idade co obxectivo de “formar, actualizar os currículos do alumnado e, sobre todo, achegar a informática e as novas tecnoloxías a toda a cidadanía”, explican dende a Concellería.
Haberá cursos (todos de balde) sobre o manexo de Excel, edición informática ou sobre ofimática en xeral. Ao longo do ano tamén haberá obradoiros específicos, como por exemplo manexo de Facturaplus que serán anunciados na páxina web do Concello. O horario destas actividades será de 16:00 horas a 21:00 horas e están abertas a toda veciñanza de Ponteareas.
“O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola brecha dixital”, explica Benito Márquez, engadindo que “tamén buscamos fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás PEME as vantaxes da Sociedade da Información”. O edil tamén aproveitou a ocasión para animar a tódolos veciños a que se anoten nos diversos cursos e “aproveiten esta oportunidade”.


PUBLICIDADE