A Aula CeMIT de Ribeira acolle este luns 27 unha xornada sobre transformación empresarial

xoves, 23 de marzo do 2023 S. P.

Este luns 27 de marzo a Aula CeMIT de Ribeira vai acoller unha xornada formativa e divulgativa sobre transformación tecnolóxica e sobre novos xeitos de emprender e traballar: métodos colaborativos, innovadores, competitivos e renovadores. A cita vén da man da Cámara de Comercio de Santiago. Desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: Como podo levar a cabo a transformación dixital da miña empresa? Xestión do cambio para a dixitalización. A cita será este luns 27 na Aula CeMIT de Ribeira, de 17.00 a 19.00 horas.
Esta xornada enmárcase dentro do obxectivo xeral da Cámara de impulsar un espazo de incubación e aceleración (o seu Centro de Coworking) para mellorar a competitividade e incrementar a produtividade das empresas, a través do fomento da transformación dixital das persoas emprendedoras, autónomas e pemes ofrecendo instalacións, equipamento tecnolóxico, e servizos avanzados para os proxectos incubados, que promovan a incorporación das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), a dixitalización, a innovación e a internacionalización no plan de negocio.
Entre os obxectivos específicos do Coworking da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela cabe salientar os seguintes: potenciar o uso de ferramentas dixitais para as persoas emprendedoras e micropemes fomentando un entorno colaborativo; potenciar o uso e manexo da análise da información a gran escala (Big Data) e crear plataformas dixitais competitivas; facilitar que os sectores produtivos entendan o proceso de transformación dixital, o demanden e leven á práctica; fomentar a implantación de tecnoloxías na nube; mellorar a competitividade das empresas a través do comercio online e o uso de canles dixitais e favorecer o incremento da adopción de solucións TIC de xestión empresarial (ERP, CRM, SCM...).
Segundo explica a entidade cameral compostelá nun plano máis detallado, a xornada ten como obxectivo “aprender a xestionar a implementación dos procesos de transformación dixital con éxito, e coñecer os seus beneficios e impacto no negocio”. Tamén se busca botar luz sobre os aspectos clave para que a transformación dixital da empresa supoña un éxito dentro da organización, e o deseño de estratexias para a xestión do cambio na organización ante a implementación dun proceso de transformación dixital.
Vai dirixida a persoas emprendedoras, persoas autónomas, pemes, micropemes e empresas do Barbanza.
O formato da xornada será presencial. A persoa encargada de impartir os contidos será Pablo López, experto en transformación e innovación.

PUBLICIDADE