A Aula CeMIT de Ribeira comeza setembro con novas tres actividades formativas
luns, 2 de setembro do 2024
O concelleiro de Novas Tecnoloxías de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, presentou na mañá deste luns 2 de setembro a nova programación formativa da Aula CeMIT para este inicio do curso: trátase de tres accións que se van a levar a cabo neste mes de setembro e que teñen como nexo común avanzar na capacitación tecnolóxica da cidadanía. Inclúese unha formación para a rapazada (Tech Kids), unha actividade fintech e iniciación á informática básica.
Programa Tech Kids
O obradoiro creativo Tech Kids, impulsado pola axencia autonómica AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrarase en Ribeira este mércores 4 de setembro, de 10:00 a 14:00 horas. Trátase dunha actividade dirixida á rapazada de entre 12 e 18 anos, co obxectivo de poñer en práctica o seu talento dixital. Durante as formacións poderán abordarse algunhas das seguintes temáticas: deseño guiado de modelado en 3D orientado á fabricación FDM; práctica guiada de construción e programación dun robot simple que implemente unha placa controladora para xestionar os compoñentes e comunicarse con outros; prácticas supervisadas de pilotaxe de drons en interior: modo xenérico en modo FPV; experiencias inmersivas en Realidade Virtual e Educa360 (con gafas 3D); e unha proposta de proxectos futuros e inspiración.
O concelleiro lembrou que a partir desta aprendizaxe sentaranse as bases para poder deseñar e desenvolver voluntariamente un reto científico-tecnolóxico interxeracional que sirva como instrumento para impulsar a creatividade, o uso e aproveitamento do equipamento e materiais a través de proxectos autónomos que teña como base a formación recibida. Confeccionaranse proxectos/maquetas que poderán presentarse a un concurso (Argallando)
Finanzas para tod@s
O curso Finanzas para tod@s, impulsado por AMTEGA en colaboración co Banco de España, ten por obxectivo dotar á cidadanía dos coñecementos básicos e das ferramentas necesarias para manexar as súas finanzas de forma responsábel e informada. Son 3 sesións formativas por centro cunha duración de 2.5 horas cada unha.
Día 1: venres 13 de setembro (de 10:00 a 12:00 h). Como está a miña Saúde financeira? Como me afecta a inflación? Aprenderemos a diagnosticar e planificar as nosas finanzas persoais en tempos de incerteza.
Día 2 – venres 20 de setembro (de 10:00 h a 12.30 h). Consellos prácticos sobre contas, tarxetas e outras formas electrónicas de pago. Que debemos saber á hora de financiar unha compra ou asinar/renegociar unha hipoteca?
Día 3 – venres 27 de setembro (de 10:00 a 12:30 h). Banca en liña, comercio electrónico, Bizum. Como protexernos fronte a ciberdeleincuencia e o fraude nas operacións financeiras cotiás?
Programa Integrado de Emprego do concello de Ribeira
Ademais do devandito, levarase a cabo 2 cursos intensivos de informática básica (nivel 2) para os usuarios do Programa Integrado de Emprego do Concello de Ribeira que xa asistirán aos cursos de informática básica (nivel 1) en marzo (1º Grupo) e en abril (2º Grupo) de este ano 2024.
1º Curso - Do luns 16 ao xoves 19 (De 9.30 a 13:30 h) - Curso de Informática Básica II (1º Grupo)
2º Curso - Do luns 23 ao martes 26 (De 9.30 a 13:30 h) - Curso de Informática Básica II (2º Grupo)
Suárez-Puerta manifestou a gran aceptación dos cursos da Aula CeMIT de Ribeira, “xa que sempre se acaban enchendo e moitas veces quedan alumno/as en suplencia”.