A Aula CeMIT de Ribeira inclúe a formación en IA no seu paquete de cursos de verán

mércores, 11 de xuño do 2025 S. P.

Este 11 de xuño o concelleiro de Novas Tecnoloxías de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, presentou o extensa programación que a Aula CeMIT ten deseñada para o verán 2025. O edil salientou que é unha programación “pensada para os máis novos da casa, xa que nestas datas sen cole poden ter máis dispoñibilidade de tirar proveito da Aula CeMIT”.
Explicou que durante o mes de xullo haberá só unha hora de formación para os adultos, en horario de 13:00 a 14:00 horas, cunha programación de contidos básica que terá como novidade (a petición dos usuarios) dun curso de iniciación á AI. No mes de agosto a formación contará cuns contidos máis avanzados, “tal e como víñamos informando en presentación anteriores”. Un destes contidos será o de Intelixencia Artificial, informou.
Suárez-Puerta pasou a informar sobre o Campamento Dixital e o Pobo Dixital que son dúas iniciativas promovidas pola Fundación Cibervoluntarios, a través das cales, de xeito gratuíto e coa colaboración da Aula CeMIT, os mozos e mozas de 9 a 14 anos poderán adquirir os coñecementos dixitais fundamentais para o seu futuro. As actividades terán lugar nas instalacións da Casa da Xuventude do Concello de Ribeira; o Campamento Dixital será para a franxa de 9 a 13 anos de luns a venres de 9:00 a 12:00 horas e a iniciativa Pobo Dixital, para a franxa de 11 a 14 anos de luns a xoves de 12:00 a 14:00 h.
Para unha franxa de idade máis baixa –de 8 a 11 anos– o concelleiro presentou o tradicional Verán Dixital que terá lugar na Aula CeMIT de 10:00 á 13:00 horas nos meses de xullo e agosto: “A idea é que os nenos e nenas poidan estar esas tres horas aprendendo as cousas máis básicas da informática como poden ser a mecanografía, as utilidades do paquete Office ou a creación e edición de imaxes con Paint. Tamén se lles ensinarán os perigos dun mal uso de Internet e das redes sociais así como o acceso aos contidos de forma segura. O Verán Dixital sumará a maiores coñecemento na impresión en 3D e no manexo e pilotaxe de drons.
Para rematar, o concelleiro de Novas Tecnoloxías para rematar, animou a veciñanza a inscribirse “neste completo programa de cursos para o vindeiro verán”.
Verán Dixital xullo – Para nenas e nenos de 8 a 11 anos
Todos os días de 10.00 a 13.00 h. - Do 01 o 23 de xullo
Verán Dixital agosto – Para nenas e nenos de 8 a 11 anos
Tódolos días, de 10:00 a 13:00 h. - Do 04 ao 29 de Agosto
O temario do Verán Dixital inclúe os seguintes contidos: mecanografía de maneira divertida (aprenderase a utilizar o teclado de maneira correcta, con programas online que utilizan xogos interactivos nun contexto de diversión e dinamismo para motivar aos nenos a aprender a escribir con soltura e velocidade sen aburrirse), iniciación ao paquete LibreOffice (edición de textos con Write e realización de presentacións animadas con Impress), creación e edición de imaxes co programa Paint), educación dixital (aplicacións, plataformas, xogos educativos que axudarán aos asistentes a identificar os riscos dun mal uso de Internet e as redes sociais; acceso a contidos de forma segura, etc) e manexo e pilotaxe de drons (obradoiro para iniciarse no mundo dos vehículos aéreos non tripulados).