A Aula CeMIT de Ribeira incrementa o nivel de cursos de informática este outono

xoves, 25 de setembro do 2025 S. P.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, e o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, presentaron este mércores 24 de setembro a programación de outono da Aula CeMIT local. Suárez-Puerta indicou que os cursos tecnolóxicos para a cidadanía están programados para o meses de outubro e novembro, divididos en dous niveis. O mes de outubro constará dunha serie de actividades de iniciación e de informática básica e no mes de novembro achegaranse sesións de nivel intermedio.

Cursos Aula CeMIT – Outubro 2025

-Curso preparatorio do COMDIX nivel Iniciación (15 horas) - Do 1 ao 24 de Outubro. Luns, mércores e venres. De 09.30 a 11.00 horas - Trátase dun curso orientado para preparar aquelas persoas que queiran facer o exame para obter o Certificado de Competencias Dixitais (COMDIX) nivel Iniciación, que terá lugar na Aula CeMIT os días 29 e 30 de outubro. O curso divídese nos 6 bloques temáticos que integran a proba COMDIX Iniciación: Coñece o entorno dixital – Manexo e comprensión básica do entorno dixital; Ten a información sempre a man – Organización e xestión eficiente da información dixital; Tecnoloxías dixitais – Uso das ferramentas, dispositivos, software básico... no noso día a día; Participa na sociedade dixital – Interacción e colaboración en entornos dixitais (redes, medios online, participación cidadá); Crea contido dixital – Creación de contidos dixitais, ferramentas creativas, produción de materiais dixitais; e Atopa o benestar dixital – Seguridade, privacidade, equilibrio no uso dixital, ciberseguridade, bo uso da tecnoloxía.
Neste punto Suárez-Puerta significou que “na cuestión da ciberseguridade cada vez estamos facendo maior fincapé, xa que a Policía Nacional transmítenos polas propias estadísticas que os delitos relacionados coas redes e coas novas tecnoloxías atópanse en constante ascenso, por iso é importante formar aos nosos veciños/as para que pouca a pouco vexamos reducidas esas taxas”
-Curso de Informática Básica (15 horas) - Do 1 ao 24 de Outubro. Luns, mércores e venres. De 11:30 a 13:00 horas - Trátase dun curso de iniciación a LibreOffice, Internet básica, creación e uso do correo electrónico... orientado para persoas que non estean familiarizadas co uso do ordenador, de nivel moi básico: aprender a diferenciar e a usar as diferentes partes ou compoñentes do ordenador; a prender a utilizar as distintas aplicacións e programas instalados (sobre todo LibreOffice: Writer, Calc, Impress); aprender a navegar pola Rede de forma segura e manexo do buscador Google, correo electrónico e Drive.
-Obradoiro A Miña Banca Dixital: fácil e segura - Do martes 21 ao xoves 23, de 10.00 a 12.30 h. - É un curso promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), quen solicitou a colaboración dos responsables das Aulas CeMIT que quixeran participar, “para formalos no curso e ter as ferramentas necesarias para poder impartilo en cadansúa aula”. Neste curso aprenderase a: recoñecer as vantaxes que ofrece a banca pola Internet, identificar un sitio seguro para realizar as transaccións económicas oportunas; e coñecer, localizar e pór en práctica os principais servizos que ofrecen as entidades bancarias a través da Internet. Tamén se familiarizará aos presentes nas prácticas con simuladores web, aplicacións móbiles e caixeiros automáticos. O curso consta de 3 bloques formativos, de 2 horas e media cada un: Seguridade, Práctico banco online, e Práctico caixeiros.
-Obradoiro Aprende a descargar apps en tódolos teus dispositivos - Luns, 27 de outubro. De 12.00 a 13.00 horas - Taller impartido pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS), orientado para persoas maiores de 55 anos, coa finalidade de aprender a buscar, atopar, descargar e instalar de maneira correcta as apps que queiran, en calquera dos seus dispositivos.
-Probas para acadar a certificación de Competencias Dixitais (COMDIX) nivel Iniciación - Mércores 29 de Outubro - Hai 2 quendas: de 10.00 a 12.00 h, e de 12.00 a 14.00 h.
–Probas para acadar a certificación de Competencias Dixitais (COMDIX) nivel Iniciación - Xoves 30 de Outubro - Hai 2 quendas: de 10.00 a 12.00 h, e de 12.00 a 14.00 h.

Cursos Aula CeMIT – Novembro 2025

-Curso preparatorio do COMDIX nivel Intermedio (15 horas) - Do 3 ao 24 de Novembro. Luns, mércores e venres, de 09.30 a 11.00 horas - Curso orientado para preparar a aquelas persoas que queiran facer o exame para obter o Certificado de Competencias Dixitais (COMDIX) nivel Intermedio, que terá lugar na Aula CeMIT os días 26 e 27 de novembro. O curso divídese nos 5 bloques temáticos que integran a proba COMDIX intermedio: Información e datos: Navegar, atopar, filtrar, avaliar, verificar e manexar a información, datos e contidos dixitais; Comunicación e colaboración: Uso de ferramentas de comunicación dixitais, identidade dixital (mensaxería, videoconferencias, redes sociais, conectarse coa Administración Pública, protexer a identidade dixital, Netiqueta...); Creación de contido dixital: crear e editar contidos dixitais multimediais, integración de medios, uso de licencias, distintos usos dos distintos formatos; Seguridade e privacidade: protección de datos persoais, de dispositivos, privacidade en internet, riscos dixitais (contrasinais, autenticacións...); e Entorno dixital e resolución de problemas: resolución de problemas dixitais, adaptación ao cambio tecnolóxico, uso eficaz de ferramentas no entorno dixital xeral (solucionar problemas de conectividade, problemas comúns do software e do hardware...).
-Curso de Informática nivel Medio/Avanzado (15 horas) - Do 3 ao 24 de novembro. Luns, mércores e venres. De 11.30 a 13.00 horas - Curso de perfeccionamento en LibreOffice, uso avanzado de Internet e correo electrónico, Intelixencia Artificial... orientado só para persoas que xa teñan unha base moi sólida e un nivel medio/avanzado. Inclúe contidos de Writer (estilos, índices automáticos, referencias cruzadas, combinación de correspondencia), de Calc (funcións avanzadas, táboas dinámicas, gráficos e análise de datos), de Impress (deseño con modelos, integración de imaxes, vídeo e audio, presentacións dinámicas) e de Internet (procuras eficientes con operadores en Google, uso de marcadores, historial e extensións do navegador, seguridade na navegación: control de cookies, privacidade e navegación anónima, ferramentas de colaboración na nube, etc). Tamén se abordará a configuración e uso de clientes de correo (ex. Thunderbird, Outlook), filtros, etiquetas e regras automáticas, xestión avanzada de contactos e listas de distribución, uso de sinatura dixital e cifrado básico de mensaxes. No ámbito da IA, abordarase o seu uso cotián, as ferramentas de IA para ofimática (resumos, redacción, análise de datos), a xeración de imaxes e presentacións con Iae a precaucións éticas e de seguridade no uso da IA.
-Probas para acadar a certificación de Competencias Dixitais (COMDIX) nivel Intermedio - Mércores 26 de novembro - Hai 2 quendas: de 10.00 a 12.00 h, e de 12.00 a 14.00 h.
-Probas para acadar a certificación de Competencias Dixitais (COMDIX) nivel Intermedio - Xoves 27 de novembro - Hai 2 quendas: de 10.00 a 12.00 h, e de 12.00 a 14.00 h.

Para máis información cómpre chamar ao 981 87 60 43, enviar un correo á conta cemit.ribeira@xunta.gal ou visitar a páxina web da Aula CeMIT.