A Aula CeMIT de Tomiño achega á rapazada cursos estivais de tecnoloxías disruptivas

xoves, 4 de xullo do 2024 S. P.

Este verán regresan á Aula CeMIT de Tomiño os cursos sobre tecnoloxías disruptivas, ou sexa, os cursos sobre aquelas ferramentas, aplicacións, sistemas e trebellos que marcan un antes e un despois no devir da tecnoloxía (por exemplo Realidade Virtual, Intelixencia Artificial, drons, impresoras 3D, etc). As accións formativas programadas diríxense a permitir que a rapazada explore e aprenda sobre as últimas innovacións tecnolóxicas dun xeito divertido e creativo.
Durante os meses de xullo e agosto, a aula impartirá varios cursos para nenos e nenas de 8 a 11 anos e mozos e mozas de 12 a 16 anos.
Serán actividades de balde cunha duración de 10 horas e con diferentes datas e quendas de participación para que as persoas interesadas poidan escoller a que mellor se adapte á súa axenda. Así haberá clases as persoas interesadas en participar poderán elixir entre sete quendas diferentes dependendo das idades.
A rapazada de 8 a 11 anos poderá escoller entre as semanas:
– Do 1 ao 5 de xullo.
– Do 29 de xullo ao 2 de agosto.
– Do 19 ao 23 de agosto.
Pola súa banda, o grupo de 12 a 16 anos poderá escoller entre as semanas:
– Do 15 ao 19 de xullo.
– Do 5 ao 9 de agosto.
– Do 26 ao 30 de agosto.
As clases impartiranse de luns a venres de 10.00 a 12.00 horas, nas que a rapazada gozará das novas tecnoloxías deseñando obxectos para logo imprimilos nunha impresora 3D, coñecendo o funcionamento das gafas de Realidade Virtual, programando un dron que faga voos de maneira automática, aprendendo programación e robótica coa placa Micro:Bit e falando dos fundamentos da electrónica coas placas Arduino.
Para obter máis información ou inscribirse as persoas interesadas poden chamar ao 640 95 67 14, mandar un correo a cemit.tomino@xunta.gal ou pasar pola Aula CeMIT, situada no parque do Campo da Feira de Tomiño, de luns a venres de 9.15 a 13.45 horas, ademais dos martes de 16.30 a 20.30 h.