A Aula CeMIT do Concello de Boiro mantense como aula de referencia durante o ano 2025

mércores, 28 de maio do 2025 S. P.

O Concello de Boiro recibiu da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) unha subvención por importe de 15.000 euros para a actividade da Aula CeMIT local e renova a súa condición de “aula de referencia” en 2025 para o funcionamento do centro e a realización de actividades formativas.
O obxectivo da Rede CeMIT na que está integrada a aula de Boiro é fomentar a autonomía persoal e o envellecemento activo mediante o uso das TIC; promover coñecementos e competencias dixitais para fomentar a empregabilidade dos cidadáns; así como impulsar a promoción da innovación social dixital.
A Aula CeMIT do Concello de Boiro, situada no Centro Social de Boiro, leva en activo dende o ano 2010, sendo, en palabras do Concello, “un espazo modélico dende os seus inicios debido a que conta con persoal adscrito ao centro e formación en novas tecnoloxías durante todos os meses do ano”.