A Aula CeMIT do Concello de Boiro ofrece actividades presenciais en competencias dixitais para rapazada

mércores, 22 de xaneiro do 2025 S. P.

O Concello de Boiro ofrece un campamento dixital destinado a rapazada de entre 9 e 11 anos con actividades de balde en competencias dixitais para nenos e nenas. As actividades desenvolveranse entre o 19 de febreiro e o 10 de abril na Aula CeMIT do Centro Social de Boiro.
Esta iniciativa de Fundación Cibervoluntarios busca facilitar a adquisición de competencias dixitais con aventuras, misións e retos adaptados a cada idade cos que “aprenderán a utilizar Internet e as ferramentas dixitais de forma útil, creativa, segura e responsábel”, explicaron fontes do Concello, engadindo que con estas sesións saberán como buscar información na Rede, coñecer ferramentas de creación de contido dixital, protexer os seus datos persoais mediante a creación de contrasinais seguras, recibir consellos para controlar o tempo fronte ás pantallas, coidar a privacidade nas redes sociais, aplicar hábitos de desconexión e benestar dixital ou favorecer o uso consciente e responsábel da Internet e as redes sociais.
A formación terá lugar na Aula CeMIT do Centro Social de Boiro os mércores e xoves de 17.00 a 19.00 horas entre o 19 de febreiro e o 10 de abril. Para formalizar as inscricións ou recibir máis información as familias poderán poñerse en contacto co Departamento de Educación, no teléfono 981 84 84 25 ou o enderezo electrónico educacion@boiro.gal.