A Aula Cemit de Poio expón o seu programa formativo de abril e abre o prazo de inscrición
venres, 28 de marzo do 2025
Dende a Aula Cemit do Concello de Poio expoñen o seu programa formativo para o mes de abril, trátase de sete cursos novos de habilidades dixitais, van desde a edición de textos, follas de cálculo, redes sociais, manexo do móbil intelixente, presentacións en liña, enderezo electrónico e edición de imaxes. Cómpre sinalar que todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web da Aula Cemit, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro.
Asemade, calquera persoa usuaria que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.
Segundo a concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, a Aula Cemit de Poio achega durante todo o ano horas de formación gratuíta e acceso libre ao equipamento e conexión a internet, “para fomentar a igualdade de oportunidades na sociedade dixital e a conformación dunha cidadanía capacitada para empregar servizos dixitais cada vez máis avanzados”.
Indo aos cursos, dicir que o curso Procesador de Textos Libreoffice writer, nivel medio, impartirase a vindeira semana (do 31 de marzo ao 4 de abril), entre o luns e o venres, de 16.30 a 18 horas. O alumnado aprendera a aplicar formatos avanzados, modificar as propiedades do documento, traballar en táboas e elementos gráficos e coñecer en máis profundidade as ferramentas que se empregan con máis frecuencia.
Entre o luns 31 de marzo e o mércores 2 de abril, realizarase o curso Edición de Imaxes con Gimp, ás 18 horas, no que os participantes aprenderán a usar as ferramentas básicas de deseño e edición de imaxes para crear as súas propias composicións.
Do luns 7 ao mércores 16 de abril impartirase o curso Manexo das Follas de Cálculo con LibreOffice Calc, de 16.30 a 18 horas. As follas de cálculo son, xunto co procesador de texto, unha das aplicacións máis empregadas, xa que se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi útiles na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensábel para o traballo de oficina.
O curso Manexo das redes sociais organizarase na semana do 7 de abril, en horario de 18 a 19.30 horas, e explicaranse as posibilidades que achegan as diferentes aplicacións para relacionarse e compartir experiencias.
Do luns 14 ao mércores 16 de abril celebrarase o curso Iniciación ao Correo Electrónico Web, unha ferramenta para comunicarse e enviar arquivos e información de todo tipo. Será de 18 a 19.30 horas.
En canto ao curso Manexo do móbil intelixente e da tableta, impartirase entre o luns 28 e o mércores 30 de abril, tamén en horario de tarde, entre as 16.30 e as 18 horas. Explicarase o seu manexo, como chamar, acceder a internet, sacar fotos e compartilas con outras persoas, etc.
Os mesmos días, pero de 18 a 19.30 horas, organizarase o curso Presentacións online, no que se ensinará o manexo de diferentes aplicacións en liña para crear presentacións sinxelas, dinámicas e interactivas coas que captar a atención do público e amosar os puntos principais da nosa exposición.
Alén destes cursos, tamén se reserva unha sesión para realizar a proba de aproveitamento dos cursos online EMA, que será o venres 11 de abril, de 18 a 20 horas e que permitirá obter o diploma dos cursos realizados na plataforma de teleformación da Aula Cemit.