A Aula Municipal TIC de Ames programa novos cursos de informática nas parroquias

mércores, 27 de setembro do 2023 S. P.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (AMTIC) de Ames presentou os novos cursos de informática para o desenvolvemento dixital no medio rural. Celebraranse os meses de outubro, novembro e decembro nas parroquias de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño. A formación, que é de balde, inclúe 25 horas de clases prácticas, que se desenvolverán en clases de dúas horas, un día á semana. As inscricións deben facerse chamando aos números de teléfono 615 401 264 ou 626 540 755. As prazas son limitadas, e diríxense a persoas con coñecementos básicos de informática.
As formacións teñen como obxectivo o achegamento da veciñanza das parroquias ao desenvolvemento dixital.
O alcalde, Blas García, destacou a importancia de impartir cursos de informática no rural “para que toda a poboación teña acceso a coñecementos moi necesarios na vida cotiá actual”.
O temario destes cursos abarca a navegación por Internet (busca en liña e navegación segura), o uso do correo electrónico (creación de contas e envío de correos) a introdución a Windows, a utilización de Office en liña, o uso de imaxes, a impresión de documentos, a introdución á folla de cálculo (formato de celas e gráficos básicos) e o uso do teléfono intelixente (configuración e axustes iniciais, chamadas e mensaxes de texto, aplicacións de mensaxería, uso da cámara, agregar e eliminar contactos...).
As actividades desenvolveransenos locais sociais de Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño. Os luns, o curso terá lugar en Agrón (de 16:15 a 18:15 horas) e en Trasmonte (de 19:00 a 21:00 horas). Os martes, será a quenda de Bugallido (tamén en horario de 16:15 a 18:15 horas) e de Biduído (de 19:00 a 21:00 horas). En Augapesada e Covas a formación desenvolverase os mércores (de 16:15 a 18:15 e de 19:00 a 21:00 horas), respectivamente. O xoves as clases serán en Tapia (de 16:15 a 18:15 horas) e na Ameixenda (de 19:00 a 21:00 horas). Para rematar, os venres desenvolverase no centro social de Ortoño (de 17:00 a 19:00 horas).
Os/as interesados/as en anotarse poden facelo chamando aos teléfonos 615 401 264 ou 626 540 755. Requírese que os/as participantes conten con coñecementos básicos de informática.
Os cursos, que son gratuítos, darán comezo a semana do 16 de outubro, e terán unha duración de 25 horas en total. Hai prazas limitadas, e a cota máxima por cada grupo será de 10 alumnos/as