A Aula TIC-PEME da USC mostra como visualizar unha empresa na Internet

martes, 22 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A Aula TIC-PEME do Campus de Lugo (Universidade de Santiago) quere mostrar de xeito práctico e útil algunhas claves de valor para que a nosa marca gañe en competitividade e visibilidade. E farao poñendo o foco nas comunidades dixitais e nos buscadores. Estamos a falar do obradoiro virtual Impulsa a túa empresa en Internet: redes sociais e posicionamento web. O curso, que ten aberto o prazo de inscrición, desenvolverase cen por cen en liña con actividades prácticas a celebrar entre o 6 e o 18 de xullo. Poderán participar estudantes maiores de 16 anos e titulados, autónomos e empresarios.
O obxectivo é favorecer que as persoas inscritas aprendan a xestionar con éxito as redes sociais, Facebook, Twitter e Instagram, coa finalidade de que a presenza das empresas nas mesmas incida de forma altamente positiva na imaxe e resultados da súa actividade.
As persoas que formalicen a súa matrícula neste programa, cuxa inscrición xa se pode realizar neste formulario web da Aula TIC-PEMES da USC, poderán tamén analizar as ferramentas necesarias para optimizar o posicionamento dun sitio web, mellorando a súa visibilidade nos resultados dos diferentes buscadores (o que na súas siglas inglesas coñécese como SEO, Search Engine Optimization).
O curso desenvolverase integramente en liña a través dun espazo virtual habilitado para este fin e no cal os participantes terán ao seu alcance os materiais e a documentación necesaria. Cada participante contará cun titor que supervisará de forma pormenorizada a evolución e solucionará todas as súas dúbidas.
O custe xeral da matrícula é de 90 euros, aínda que as persoas vinculadas dalgún xeito á USC deberán abonar unha taxa de 50 euros. A Aula TIC-Pemes da USC ofrece tamén descontos especiais para grupos de inscritos e na actualidade está a sortearse unha praza de inscrición de balde no Facebook da Aula TIC da USC.

PUBLICIDADE