A Aula TIC PEME da Universidade de Santiago aposta pola inclusión social e laboral

luns, 20 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

A Aula TIC PEME (ATP) da Universidade de Santiago (campus lucense) comezou o ano fomentando a confluencia entre novas tecnoloxías da información (o fío temático principal da súa actividade formativa), por unha banda, e solidariedade e inclusión, pola outra. Desta arela xurdiu unha iniciativa concreta coa que comezar 2020: a posta en marcha do proxecto Edison, unha proposta da aula directamente encamiñada a mellorar a empregabilidade das persoas con algunha diversidade funcional.
Sería o único proxecto do Campus de Lugo incluído no programa de Micromecenado da USC, unha achega para promover desenvolvementos de alto impacto social mediante a captación de fondos e recursos que faciliten a súa posta en marcha.
O proxecto Edison, concibido coa “vocación de achegar a un colectivo de persoas en risco de exclusión social a opcións de emprego de maior calidade”, ofrece un amplo programa de formación teórica e práctica, tralo que as persoas usuarias poderán completar estadías profesionais en empresas e entidades públicas.
Segundo informa a Aula TIC, o conxunto de beneficiarios desta iniciativa “obterán un certificado universitario oficial acreditativo dos coñecementos empresariais adquiridos e das habilidades sociais desenvolvidas durante o período de formación teóricas, cuxas sesións presenciais terán lugar nas instalacións da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo”.
A aula tamén explica que “o éxito do proxecto Edison depende en boa medida da implicación da sociedade e do tecido empresarial nesta iniciativa”. Por esta razón, os seus responsábeis convidan á comunidade a colaborar con esta proposta de “marcada pegada social” a través do devandito programa de micromecenado posto en marcha pola USC.
A Aula TIC PEME engade que as persoas que opten por facer achegas económicas ao proxecto Edison a través do programa de crowdfunding habilitado pola USC poderán beneficiarse das correspondentes vantaxes fiscais.

PUBLICIDADE