A Aula TIC PEME de Lugo volve mostrarnos como vender en liña

luns, 2 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

A Aula TIC PEME do Campus de Lugo (Universidade de Santiago) vén de pór en marcha a edición número once do seu obradoiro sobre novos e eficaces xeitos de vender nas redes, de facermos empresa e de comunicarnos cos nosos clientes. A vindeira edición do seu Taller Online sobre Xestión de Tendas con Pretashop é o novo paso dunha referencial actividade formativo-tecnolóxica, referencial polos recursos de axuda que ten posto en xogo para novos empresarias/os e emprendedoras/es, e tamén polos éxitos de participación acadados. De feito, a onceava convocatoria do obradoiro é unha consecuencia directa da boa acollida que tivo a última edición.
O curso tamén é unha resposta a un desafío concreto: o reto de acadar da maneira máis simple e eficaz a dixitalización da actividade das nosas empresas, e máis tendo en conta até que punto, nos últimos anos, disparáronse as cifras correspondentes ás vendas de comercio electrónico sobre o total das vendas a nivel galego e estatal. Segundo informa a Aula TIC do Campus de Lugo, entre abril e xuño do ano 2017, a facturación por vendas en liña subiu un 23,4% internanual até acadar os 7.338,1 millóns de euros. Estas cifras, que figuran nos datos sobre ecommerce achegados pola CNMC, obrigan ás empresas a facérense a seguinte pregunta: hai que permitir que a competencia se adiante ou cómpre que aproveitemos a oportunidade de negocio que nos brinda as novas tecnoloxías e canles da información?
Durante o desenvolvemento do obradoiro, o alicerce temático será a plataforma de software libre Prestashop Cartium. O contido do curso inclúe o seguinte: instalación e posta en marcha da aplicación, administración dos clientes e dos empregados, manipulación do catálogo de produtos, xestión dos pedidos e dos pagos, análises estatísticas dos datos e outras ferramentas.
Respecto da metodoloxía a seguir, é un obradoiro de natureza práctica baseado en software libre e de código aberto, impartíndose integramente de maneira virtual a través dun espazo dixital habilitado para tal efecto. Inclúe vídeo-titorías das temáticas devanditas e convídase ao alumnado a revisar os materiais fornecidos e completar as tarefas semanais para comprobar cal é o grao de aproveitamento dos módulos.
No curso, con independencia de que se dirixa sobre todo a emprendedores, PEME e autónomas/es, poderá participar calquera persoa interesada na temática do mesmo. A duración da actividade é de 50 horas. Desenvolverase entre o 13 de abril e o 23 de maio deste mesmo ano.

PUBLICIDADE