A Aula TIC-PEMES pon en marcha unha revista dixital para achegar as tecnoloxías ás nosas empresas
luns, 27 de xullo do 2015
A Aula TIC-PEMES da Universidade de Santiago,
emprazada no Campus de Lugo, vén
de presentar unha publicación dixital destinada a afondar nun dos
principais obxectivos do departamento: achegar as novas
tecnoloxías da información á contorna galega, neste caso concreto
facendo especial fincapé no noso tecido empresarial. Deste
compromiso xorde a publicación electrónica SiPYMEs,
unha revista en liña de carácter divulgativo e periódico que,
segundo informan os responsábeis da Aula, “recolle e difunde
artigos de actualidade vinculados cos beneficios que as TIC ofrecen
ás pequenas e medianas empresas (PEME)”.
SiPYMEs xorde pois coa finalidade “de facilitar a
adaptación das empresas de menor tamaño á Sociedade da
Información, eliminando as diferenzas que puidesen existir entre
este e outro tipo de empresas en relación coa utilización das novas
tecnoloxías”. Así pois, a contorna de traballo da revista, os
seus destinatarios principias, serán os responsábeis das pequenas e
medianas empresas do eido lugués e galego, aos que se pretende
involucrar de cheo no ámbito das novas ferramentas e a Sociedade do
Coñecemento. Na revista haberá un oco para a difusión de
reflexións ou experiencias reais arredor das TIC, relatadas polos
propios/as empresarios/as, emprendedores/as e expertos/as na
aplicación das tecnoloxías desde unha perspectiva empresarial.
“O formato electrónico”, sinalan dende a Aula,
“outorga a SiPYMEs a posibilidade de acceso desde calquera punto da
xeografía mundial, a súa actualización permanente e a interacción
do público coa revista”. A idea complementaria, engaden, é crear
unha comunidade de persoas relacionadas ou interesadas co ámbito das
TIC e a súa aplicación nas empresas que poidan actuar entre si de
diversos modos ao longo do tempo.