A Aula TIC Pemes da USC e a Deputación de Lugo clausuran a nova edición do Proxecto Troya

martes, 23 de xuño do 2026 S. P.

O Campus de Lugo (Universidade de Santiago) clausurou este martes 23 de xullo as actividades formativas da actual edición do Proxecto Troya, unha acción de capacitación tecnolóxica e empresarial que impulsou a Aula TIC Pemes da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) este ano para mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade física, dotándoas de competencias e habilidades empresariais.
En concreto, as persoas participantes recibiron formación en ámbitos como a organización de empresas, comercialización e mercadotecnia, finanzas empresariais, contabilidade empresarial, Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) para a xestión empresarial, currículo e marca persoal, ou o vínculo entre discapacidade e mercado laboral.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou no peche do curso, salientando a importancia de contar cun mercado laboral inclusivo, “ademais dunha cuestión de xustiza social, é unha necesidade económica, demográfica e territorial”. Subliñou que “aproveitar o talento de todas as persoas fortalece a nosa economía e contribúe a fixar poboación e construír unha provincia máis competitiva e cohesionada”.
Esta edición do Proxecto Troya, consolidada xa como unha iniciativa pioneira de formación e inclusión laboral impulsada pola USC co apoio da Deputación de Lugo, contou coa participación de sete persoas. Todas elas acadaron unha microcredencial que lles serve para certificar as súas competencias empresariais en todo o territorio da Unión Europea.
O acto que se celebrou na Facultade de ADE contou tamén coa presenza do Vicerreitor de Organización Académica do Campus, Roberto Bande, o coordinador de COGAMI Lugo, Juan Antonio Gude e da coordinadora do proxecto María Ángeles López.