A Aula TIC Pemes favorece con formación innovadora a inserción laboral dunha decena de persoas

mércores, 15 de maio do 2024 S. P.

O proxecto da USC no Campus de Lugo Troya-Mentoring, impulsado pola Aula TIC Pemes do Campus de Lugo co obxectivo de derrubar barreiras no ámbito laboral e mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade intelectual na provincia, chegou esta tempada á súa segunda edición formando a preto dunha decena de persoas desempregadas para que profunden no coñecemento interno das empresas.
A firma biotecnolóxica AMSlab é unha das empresas participantes que ofrecen prácticas ao alumnado, unha fase de traballo real que se prolongará ao longo dos meses de maio e xuño e durante a cal os novos traballadores abordarán temas clave como a comunicación dentro da empresa, a xestión de conflitos, o manexo de ferramentas de administración e software como Excel ou a xestión de correos electrónicos e as chamadas, entre outros.
Esta experiencia profesional “permitiralles poñer en valor nunha contorna real todos os contidos adquiridos nas últimas semanas”, sinalou a profesora da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Ángeles López Cabarcos, responsábel dun proxecto co que se quere “sensibilizar as empresas locais” en materia de emprego e discapacidade.
Os contidos impartidos no marco de Troya-Mentoring relaciónanse co desenvolvemento de habilidades empresariais orientadas a mellorar a empregabilidade de persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual.
Os coñecementos que se imparten ao longo de 30 horas, están relacionados fundamentalmente con actividades administrativas da empresa. A meta é que as alumnas e alumnos adquiran habilidades que lles permitan desenvolverse con éxito nese eido. Transcorrido o período formativo na USC, realizan un período de prácticas en empresas e institucións reais durante 100 horas.
A primeira fase desenvolveuse de forma presencial na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC. Para a súa execución, a Aula TIC Pemes conta cun equipo interdisciplinario de docentes que se encargaron de impartir os contidos formativos. O alumnado tivo, no Campus Terra, apoio personalizado e adaptado ás súas necesidades específicas. A formación presencial complementouse con formación virtual para completar e ampliar os contidos, facilitar a asimilación de conceptos, e garantir a resolución de dúbidas.
Troya-Mentoring conta ademais coa implicación do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU) a través da figura do Voluntario/a Troya Mentoring (VTM). Deste xeito, cada alumno/a inscrito no programa pode contar co seu VTM persoal que o apoia ao longo do proceso e moi especialmente durante o período de prácticas.
As empresas participantes nesta segunda edición de Troya-Mentoring son Arenal Perfumerías Plásticos Arias, Cafés Candelas, Pescados Rubén, AMSlab, Torre de Núñez, VrioPack, Establecimientos Rey e El Progreso. A iniciativa está promovida conxuntamente coa Asociación Síndrome de Down de Lugo.